A proposta da Vicepresidencia, as bases incorporan unha claúsula que contempla que os concellos velarán polo cumprimento dos convenios colectivos sectoriais nas contratacións que financien con cargo ao Plan Único. Así, incídese na protección dos dereitos laborais en sectores como o do Servizo de Axuda no Fogar.
A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “o Plan Único é unha prioridade para o goberno provincial xa que, coa súa aprobación, aseguramos que os concellos saiban as cantidades coas que van a contar para esta anualidade e poidan iniciarse os procedementos administrativos para executar os proxectos previstos”.
Maite Ferreiro explicou que o incremento da contía destinada ao Plan Único responde ao acordo de goberno asinado ao inicio de lexislatura, e engadiu que se trata dun avance que terá que complementarse con contías máis significativas nos tres próximos anos.
Nesa liña, destacou que “o Plan Único é unha ferramenta básica para a xestión dos recursos da Deputación porque garante a obxectividade no reparto dos fondos, independentemente da cor política dos gobernos municipais”.
Aprobadas as bases do programa Musiqueando
A vicepresidenta da Deputación de Lugo fixo estas declaracións tras a Xunta de Goberno deste venres na que se aprobaron as bases para a posta en marcha do programa Musiqueando, unha iniciativa destinada á promoción da música e das festas populares.
Os grupos de música tradicional, bandas de música e corais que teñan residencia na provincia de Lugo poderán inscribirse no programa, que creará unha bolsa de actuacións da que poderán nutrirse concellos, asociacións sen ánimo de lucro e comisións de festa. As actuacións terán que programarse entre o 16 de maio e o 31 de outubro.
A área de Cultura farase cargo do 80 por cento do custo de cada actuación contratada, e os concellos e asociacións correrán co 20 por cento restante. En total, destinaranse ao programa 170.000 euros.