Lugo, 30 de marzo de 2020.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, pediu hoxe aos lucenses que non baixen a garda e que manteñan o esforzo de aillamento para frear a propagación do coronavirus, na terceira semana das medidas do estado de alarma.
Isabel Rodríguez insistiu na necesidade de respectar as medidas de aillamento, como afortunadamente están a facer a inmensa maioría dos lucenses, e avisa de que o comportamento insolidario das persoas que incumpren as restriccións de movemento poñendo así en perigo ao resto da poboación motivou esta fin de semana a detención de 6 persoas na provincia polas forzas de seguridade do Estado, que tamén puxeron 471 denuncias pola mesma causa. Neste sentido, Rodríguez lembrou que a gravidade dese comportamento conleva sancións por incumprir o estado de alarma que oscilan entre 601 e 30.001 euros.
A subdelegada do Goberno agradeceu o comportamento que están a ter a maioría dos lucenses desque entrou en vigor o estado de alarma e pediu á poboación que siga a respectar as medidas de aillamento para frear a propagación do virus e axudar así a salvar vidas das persoas máis vulnerables, ademais de protexer aos profesionales que están máis expostos nesta pandemia, como son o persoal sanitario, as forzas de seguridades ou os traballadores de servizos esenciais como o alimentario ou o de transportes.