Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez informa de que a delincuencia diminuiu lixeiramente no concello de Ribadeo en 2019

 Lugo, 3 de marzo de 2020. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe que a seguridade no concello de Ribadeo mantense en niveis semellantes aos do ano anterior, pero alertou do aumento no número de denuncias por violencia de xénero.

A subdelegada, que presidiu xunto co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada esta mañá na Casa do Concello, dedicou unha especial mención á loita contra a violencia de xénero pois informou que no último ano rexistráronse neste concello 13 denuncias por violencia de xénero, cinco máis que en 2017.

Isabel Rodríguez fixo fincapé na importancia de que as vítimas de violencia machista presenten denuncia e na necesaria implicación e traballo conxunto por parte de todas as institucións, forzas de seguridade e a propia sociedade para darlles protección.

Tocante á taxa de criminalidade de Ribadeo, a subdelegada deu conta de que en 2019 foi de 25,07 por cada mil habitantes, unha cifra que é lixeiramente inferior á rexistrada no ano 2018, cando se situara en 25,15.

Rodríguez explicou que os datos oficiais da Garda Civil reflicten que durante 2019 rexistráronse no municipio un total de 247 infraccións penais, 106 delitos graves e menos graves e 141 leves. Esta cifra supón que a delincuencia experimentou un pequeno descenso, do 0,8%, con respecto ao ano anterior, cando se rexistraron no municipio un total de 249 infraccións penais.

Ademais, a subdelegada detallou que o ano pasado os axentes da Garda Civil detiveron en Ribadeo a 45 persoas pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delitos e investigaron a outras 46.

PLAN DE SEGURIDADE ESCOLAR

Por outra parte, a Xunta Local de Seguridade repasou os distintos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade, entre eles o que desenvolven as forzas de seguridade para garantir a convivencia e a mellora da seguridade nos centros escolares.

En relación con este programa, a subdelegada indicou que no pasado curso académico impartíronse en colexios de Ribadeo 7 charlas sobre temática de especial interese para os escolares como o acoso escolar, drogas e alcohol, racismo e xenofobia e incendios forestais.

Para este curso están programadas neste momento un total de 12 actividades que se organizan, a petición dos centros escolares, coa colaboración da Garda Civil e a Policía Nacional dentro do Plan Director para Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros Educativos e as súas contornas.

Exit mobile version