“Cómpre actuar sen demora e reforzar no inmediato a dotación de persoal e medios, debidamente equipados e protexidos, para o coidado das persoas máis vulnerables que requiren dun maior esforzo médico e asistencial extremadamente agravado pola pandemia do Covid-19 que nos azouta”, esixía hoxe o candidato da coalición, Antón Gómez-Reino.
Tal e como xa fixera o pasado domingo na xuntanza telemática co presidente Feijóo, Galicia en Común-Anova Mareas volveu a urxir hoxe a medicalización dos centros de maiores e a equipación necesaria en medios humanos e materiais nun país cunha poboación altamente envellecida -a terceira taxa autonómica mais elevada- e que precisa multiplicar recursos e esforzos nos coidados.
“Estamos a pedir a Xunta que se medicalicen xa as residencias públicas e que executivo de Feijóo interveña tamén nas residencias privadas”, insistiu Gómez-Reino solicitando que o goberno autonómico aplique en Galicia a Orde 275/2020, de 23 de marzo do Ministerio de Sanidade -publicada hoxe no BOE-, que faculta ás comunidades autónomas a que interveñan as residencias privadas en función da situación epidémica e asistencial, considerándoas como servizo esencial na loita conta o Covid-19. “A Xunta ten que asumir as súas competencias, non só aplicando esta orde senón tamén indo máis alá deste documento”, instou o candidato.
Así, a coalición súmase á demanda das traballadoras de residencias como a San Carlos, en Celanova, onde tan só hai 4 persoas para atender a 54 residentes no que é o foco máis grande de positivos por Covid-19 de Galicia, con 20 persoas contaxiadas e unha persoa falecida. Unha situación dramática que nos preocupa severamente e comeza a ter réplica noutros centros galegos.
Ao tempo, reclámase a desinfección periódica destas instalacións e tamén que se evacúen a outros centros a aquelas persoas residentes que teñan maior vulnerabilidade e cuxa saúde se poña en risco ao non contar estas instalacións cuns requisitos mínimos de seguridade. Desde Galicia en Común-Anova Mareas solicita tamén que se actúe sen demora noutros dous puntos que son moi vulnerables como os centros de menores e de persoas dependentes, poñendo o foco e o esforzo na súa axeitada protección.
“O caso de Celanova é un dos moitos exemplos de privatización das residencias, cun 25% das prazas concertadas e no que vemos como a privatización da asistencia aos nosos maiores foi a peor solución. Precisamos un futuro onde apostemos decidamente polo público, sen escatimar esforzos e recursos”, destaca a coalición.
Eva Solla quixo poñer en valor o inxente traballo que están a facer as traballadoras e o persoal de coidados -nun sector altamente feminizado- tanto nos centros públicos, con moitas eivas, como nos privados, onde o modelo de negocio que se impuxo en Galicia na última década se estivo a lucrar a costa de abaratar a asistencia, recortando en persoal e a calidade do servizo.
Pola súa banda, Martiño Noriega denunciou a acción privatizadora de Feijóo nos máis de dez anos do seu goberno. “Xa desde a súa primeira lexislatura Alberto Núñez Feijóo decidíu privatizar residencias como as Viveiro, Vimianzo, Monforte ou Ourense para colocalas en mans de empresas como Geriatros” afirmou Noriega que resaltou a importancia da “defensa do público como garantía colectiva da cohesión social para o futuro dun país que precisará de moitos esforzos colectivos, non só o benestar dos nosos maiores, senón do conxunto da sociedade, con particular atención aos colectivos máis vulnerables”. Por último Noriega instou á Xunta a “exercer como goberno dun país, e non como unha delegación de Genova 13, aínda máis nunha área como é a dos coidados onde gozamos de competencias propias e exclusivas”.
Por último, Galicia en Común-Anova Mareas, un día máis pero coa mesma forza e vontade, quere amosar o seu recoñecemento “ao sacrificio e o exemplo cívico da sociedade galega no seu conxunto e das galegas e dos galegos que están na primeira liña de defensa deste combate contra o Covid-19, particularmente aos sanitarios, pero tamén transportistas, persoal de coidados, servizos de emerxencia…”. “Todas elas fan que vaiamos adiante xuntas e unidas”.