Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Reino reclama a suspensión do marisqueo a pé para que as mariscadoras poidan optar ás axudas públicas

Compostela, 25 de marzo 2020.- O voceiro de Galicia de Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou hoxe ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo que declare sen demora o peche da actividade do marisqueo a pé, atendendo ao decreto de Estado de alarma, para que o colectivo de traballadores do sector poida optar a axudas públicas mentres dure a crise sanitaria e socioeconómica derivada da epidemia de Covid-19.

“O colectivo marisqueiro, nomeadamente as mariscadoras galegas, atópase nunha situación moi delicada, e mesmo límite no caso dalgunhas familias que teñen nas rías a súa única fonte de ingresos”. denunciou Gómez-Reino, tras lembrar que o peche do sector hosteleiro está impedindo ás mariscadoras comercializar o seu produto.

O voceiro da coalición urxíu á Xunta a que declare xa o peche da actividade para que as mariscadoras poidan acceder ás prestacións e axudas públicas decretadas para outros colectivos de traballadoras. Gómez-Reino reiterou así a petición que lle trasladara o pasado domingo a Alberto Núñez Feijóo na xuntanza telemática mantida co resto de voceiras das forzas políticas galegas.

“A situación é moi delicada e mesmo extrema para moitas familias na ría de Arousa, A Coruña, Ferrol e outras zonas costeiras de Galicia”. Mulleres de entre 50 e 60 anos, sen fillos ao cargo, vense na obriga de ir a mariscar para non perder o Permex. “Pero non hai saída para o seu produto nin protección nos puntos de control”, subliñou Gómez Reino.

Fontes do sector explicaron que, ademais do peche do sector hostaleiro, “é obvio” que a comercialización dos seus produtos apenas ten saída nos puntos de venta ao público. “Mesmo chegaron a ofrecernos a miseria de 3 euros polo quilo de percebe”, denuncian as mariscadoras.

“Non se pode demorar. Urxe procurar solucións para o colectivo”, insistíu hoxe o candidato.

Exit mobile version