Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Reino insta a Feijóo a poñer a saúde pública e a vida das cidadás no centro da loita contra a epidemia de Covid-19

Compostela, 30 de marzo. O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, defendeu hoxe o paquete de medidas aprobadas onte polo Consello de Ministros, e instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a manter a unidade das forzas políticas en torno a idea de que “a saúde pública e a vida das cidadás están por riba de calquera outro interese”.

Durante unha rolda de prensa telemática celebrada esta mañá desde o seu domicilio na Coruña, Gómez Reino referíuse ás críticas de Feijóo á decisión do Goberno do Estado de extender as medidas de confinamento do Estado de Alarma a todas aquelas actividades económicas consideradas non esenciais.

“Non se entendería que no momento actual Feijóo se situara no plano no que están mandatarios como Donald Trump, Boris Johnson ou Bolsonaro, que están a poñer problemas para paralizar o ámbito productivo cando é obvio que o mecanismo que temos agora mesmo para defendernos como sociedade é o confinamento e o freo ordenado da producción”, declarou.

“Todas as medidas aprobadas no Consello de Ministros poñen o foco na defensa das traballadoras e da saúde e na defensa común de todas nós como sociedade”, engadíu.

Gómez Reino reiterou a mensaxe que xa trasladou á Xunta hai días: antes de plantexarse o envío de doentes a instalacións deportivas para utilizalas como hospitais improvisados, Feijóo ten que exercer as súas competencias e poñer todos os medios da sanidade privada ao servizo da loita contra a epidemia de Covid-19.

O voceiro de Galicia en Común-Anova-Mareas lembrou que en Galicia hai 22 hospitais privados que contan con 2.285 camas, 563 médicos, máis de 1.700 profesionais da enfermería e instalacións quirúrxicas e de urxencias que deben poñerse de inmediato a disposición do sistema público de saúde.

“O modelo Ifema que está a empregar a Comunidade Autónoma de Madrid está a derivar en múltiples problemas e non ofrece as debidas garantías. Hai que mobilizar todos os recursos da sanidade privada antes de meter aos doentes en polideportivos e pavillóns de mostras”, concluíu.

Por ultimo, Gómez Reino referiuse ao aprazamento sen previo aviso da xuntanza que o presidente da Xunta tiña previsto manter onte coas voceiras das forzas políticas galegas, e que foi adiada sen data. “Entendemos a carga de traballo que ten a Xunta, pero coidamos que é fundamental celebrar estas reunións con carácter semanal para poder trasladarlle ao Goberno galego as nosas propostas”, insistíu.

Exit mobile version