Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Reino: “Feijóo non pode abandoar aos nosos maiores e ao personal das residencias. A Xunta ten que intervir xa todos o centros de terceira idade”

 Compostela, 31 de marzo. O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, instou hoxe ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, a intervir de inmediato as residencias de maiores do país antes de que se agudice a gravísima situación que atravesan.

“Feijóo non pode deixar abandonado ao persoal das residencias e aos nosos maiores. A Xunta ten que intervir xa, no inmediato, todos o centros de terceira idade”, dixo.

O voceiro da coalición referíuse, ademais, á denuncia da Federación Galega de Usuarios de Residencias (REDE), que hai tres días reclamaba á Fiscalía do Estado e á Policía Xudicial que comprobaran nas propias residencias as denuncias formuladas sobre o incumprimento reiterado de protocolos, ratios de persoal e condicións de seguridade sanitaria que padecen tanto os usuarios dos centros como os profesionais que traballan neles.

“Levamos dúas semanas pedíndolle á Xunta que interveña e medicalice todos os centros de maiores, menores e dependentes do país”, lembrou Gómez Reino, “pero esas intervencións soamente se executan cando a situación xa é gravísima e insostible”, subliñou, en referencia a actuación da Administración autonómica nos centros San Carlos, de Celanova (Ourense), e da empresa DomusVi en Vigo e en Cangas, que suman centenares de infectados por Covid-19.

O número de doentes de coronavirus nas residencias galegas da terceira idade supera xa os 400, é dicir máis do 10% de todos os casos positivos detectados no país.

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas insistía hoxe na “perversidade” do sistema deseñando polos succesivos Gobernos populares de Feijóo para a atención das persoas maiores, que na práctica supuxo “desmontar un modelo de coidados para implantar un modelo de negocio” que nestes momentos supón un risco para a saúde dos usuarios.

Segundo datos de REDE, en Galicia hai 22.000 prazas en residencias para maiores, das que 17.000 están xestionadas por empresas privadas. O último informe do Consello de Contas para a Fiscalización do Gasto en Atención Residencial a Persoas Maiores e Dependentes en Galicia recolle que durante os Gobernos de Feijóo reduciuse un 7% o número de prazas en residencias públicas, mentres crecía un 9% a oferta en centros privados e concertados.

Por último, o Grupo Común da Esquerda pedíu hoxe a comparecencia da Conselleira de Política Social ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para que explique, con urxencia, a situación das residencias da terceira idade no país e rinda contas da actuación do seu departamento.

Exit mobile version