Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia en Común-Anova Mareas esixe o reforzo nos medios técnicos e humanos e urxe medidas para paliar os efectos sobre a economía das familias galegas

Santiago, 16 de marzo. Galicia en Común-Anova Mareas esixiu hoxe ao presidente en funciósn da Xunta o inmediato reforzo nos medios técnicos e humanos para probas de diagnose e asistencia telefónica, así como un paquete urxente de medidas no ámbito socioeconómico que se anticipen e minoren os efectos que esta pandemia está xa a ter sobre a economía das familias galegas para evitar que paguen a crise as maiorías sociais.

“Hai que deixar fóra da axenda actual as eleccións do 5 de abril e destinar todos os recursos a crise sanitaria. É de sentido común”, afirmou Gómez-Reino, ao termo da longa reunión telemática mantida hoxe co presidente en funcións da Xunta e o resto de forzas, no que se abordou a información propiamente sanitaria polo miúdo, para ter unha diagnose clara da situación, pero na que tamén se urxiu ao Goberno galego a adoptar medidas no inmediato para anticiparse as consecuencias económicas sobre as familias galegas.

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas facía hoxe estas declaracións nunha rolda de prensa interactiva desde o seu domicilio na Coruña, onde continua illado desde o pasado venres a espera dos resultados da proba de Covid19 que os sanitarios lle practicaron no día de onte cumprindo co protocolo, a través do número de atención telefónica e atendendo as indicacións para as persoas que procedían de zonas de risco, logo de que se detectaran varios positivos no Congreso dos Deputados.

“A miña primeira mensaxe hoxe é de solidariedade para as persoas ingresadas, agarimos as familias dos falecidos e de agradecemento ao enorme exemplo de conciencia cívica e o esforzo colectivo da sociedade galega ante o reto que temos por diante”, quixo sinalar Gómez-Reino ao inicio da súa intervención, para facer un recoñecemento expreso do inxente traballo que están a facer estes días os servizos sanitarios, as emerxencias, na distribución alimentaria, o persoal de coidados e todas e todos os que fan, co seu esforzo cotiá, que vaiamos adiante nestes días anómalos”.

“Desde Galicia en Común-Anova Mareas temos a convicción clara de que nas próximas semanas temos a obriga de destinar todos os recursos a crise sanitaria. É imprescincible o reforzo dos medios técnicos e humanos na asistencia telefónica para desfacer o embudo xerado e máis medios, tamén, na realización das probas para a diagnose”, subliñaba Gómez-Reino.

O candidato da coalición GeCAM apostou hoxe por un acordo en dous tempos entre as forzas políticas galegas para adiar os comicios e buscar nova data desde o consenso e a necesaria lealdade que require unha situación tan inédita e extraordinaria como esta. “Sexa cal sexa o proceso, terá que facerse desde o consenso”, afirmou.

“A nosa proposta, Galicia en Común-Anova Mareas, ten que ver con que haxa un traballo constante entre o Goberno galego en funcións e as forzas con representación na Deputación Permanente do Hórreo para seguir traballando”, instaba Gómez-Reino, que demandou a convocatoria con carácter semanal da conferencia de presidentes.

O candidato da coalición facía fincapé na urxencia de que o Goberno en funcións da Xunta faga uso das súas compentencias e active, no inmediato, unha bateria de medidas que se anticipen e minoren as consecuencias que esta crise sanitaria está xa a ter sobre a economía das familias galegas para que ningún traballador e traballadora teña que pagar a factura desta pandemia.

Neste senso, abogou por instar ao Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) a que deixe en suspenso a execución hipotecaria, reforzar a dotación orzamentaria do Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia), aumentar a cobertura dos autónomos e servirse de ferramentas como o Igape para dar soporte e apoio as empresas. Asemade, pediu mais atención e sensibilidade coa violencia de xénero ante sinais que puideran agudizar a lacra da violencia machista neste estado excepcional de confinamento nos domicilios, algo polo que amosou a súa especial preocupación, pensando nas mulleres que se atopen, se cadra, mais indefensas ante o seu agresor.

Por último, e preguntado polas informacións que implican tanto o rei emérito como ao actual en situacións anómalas de supostas e gravísimas irregularidades económicas, Gómez-Reino foi claro e contundente no sentido de que ten que abrirse unha investigación con todas as garantías para esclarecer con total profundidade esta situación. “Cremos que mais aló de que a casa Real sexa unha institución vixente, ten que cumprir con todas as normas de transparancia e rendición de contas dunha democracia e nesa liña traballamos”, sentenciou.

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas reanudará mañá a xuntanza telemática co presidente en funcións da Xunta, a través dunha videoconferencia co resto de forzas políticas fixada para as 12:00 horas, para estudar os informes xurídicos comprometidos polo presidente en función, Alberto Núñez Feijóo, e avanzar desde o consenso nas cuestións que demanda a sociedade galega.

Exit mobile version