Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia en Común-Anova Mareas demanda a Feijóo que se ocupen todas as camas baleiras nos hospitais privados antes de ubicar aos doentes en instalacións deportivas

 Compostela, 29 de marzo. Galicia en Común-Anova Mareas demandou hoxe de novo ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo que poña de inmediato a disposición da loita contra o Covid-19 todos os medios técnicos e humanos dos centros hospitalarios privados do país antes de propor o uso de hospitais de campaña.

“Feijóo debe ser claro e transparente e dar conta á cidadanía de se vai montar camas en instalacións deportivas cando hai camas libres e dispoñibles nos hospitais privados do país”, sinalou hoxe o voceiro da coalición, Antón Gómez Reino, para lembrar que a sanidade privada dispón en Galicia dun total de 2.285 camas, así como de 563 médicos e 1.744 profesionais de enfermería, entre outros medios materiais e humanos.

“Os hospitais de campaña modelo Ifema deben ser a última opción”, dixo.

Gómez Reino insistíu en que Feijóo debe informar de inmediato á cidadanía galega e dar conta exacta de cantos recursos dispoñemos no país, “e explicar cal son as necesidades dos hospitais”, despois de que se coñecera a través dos medios de comunicación que o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense carece de respiradores como os que o presidente galego ten cedido á Comunidade de Madrid.

Galicia en Común-Anova Mareas tamén demanda ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo o inmediato reforzo da Atención Primaria, aproveitando ao máximo todas as ferramentas das que dispón o Servicio Galego de Saúde (Sergas), para derivar o seguimento e control domiciliario dos doentes positivos en Covid-19 mediante o programa Telea.

Telea é o acrónimo da Plataforma Tecnolóxica de Asistencia Domiciliaria do Sergas. Un instrumento de gran utilidade da rede pública que permitiría aos centros de Atención Primaria do país facer un seguimento completo e minucioso dos doentes que deron positivo en Covid-19 e fican nos seus domicilios con síntomas leves, para facer un control mais exhaustivo e garantista para unha evolución favorable, e arroupalos no proceso de superar a enfermidade.

O emprego de Telea na Atención Primaria permitiría asi descargar de traballo aos hospitais e facer un mellor seguimento da expansión do virus.

Doutra banda, Galicia en Común-Anova Mareas leva semanas demandando ao Goberno da Xunta que asuma as súas competencias e garanta as axeitadas medidas de protección para o persoal sanitario. “Nun momento coma este é preciso que todos e todas coidemos a quen nos coida”, sinalou Gómez Reino.

“É por iso a Administración pública non pode ficar atrás e debe entregar de maneira inmediata ao persoal as mascarillas, equipos de protección individual e luvas das que dispoña, así como os recursos técnicos e asistenciais para os doentes”.

Exit mobile version