Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia en Común-Anova Mareas aprema a Feijóo que aclare se vai intervir a sanidade privada para reforzar a pública

 Compostela, 26 de marzo de 2020. Galicia en Común-Anova Mareas aprema ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóo, a que aclare dunha vez por todas, tal e como lle solicitou hoxe a colaición, se vai intervir a sanidade privada para reforzar os recursos que precisan os hospitais públicos galegos que están presentando a batalla contra o Covid-19.

Dende a coalición, afeouselle hoxe a Feijóo que, unha vez mais, refusase dar conta das xestións, se as hobuera, que está a facer o goberno galego para por todos os recursos e medios da sanidade privada ao servizo do interese xeral, tal e como permite o Real Decreto que regula o Estado de Alarma.

“Díganos cal é o papel da sanidade privada nesta crise tras anunciar o ano pasado beneficios históricos. Dar vacacións e despedir persoal?”, reclamoulle hoxe Sánchez no pleno na Deputación Permanente celebrado na cámara autonómica, lembrando o caso denunciado anteriormente pola coalición, da dirección de HM que, con cinco hospitais en Galicia, instou aos seus traballadores a cesar voluntariamente na súa actividade mediante esas fórmulas para reducir así os seus custes laborais.

Antón Sánchez lembroulle a Feijóo que “o aval da oposición non pode usarse para facer política partidista e a lealdade que nós amosamos ten que ser recíproca e institucional” ao tempo que lle afeou que “eluda as súas responsabilidades buscando chivos expiatorios noutras administracións”.

Dende Galicia en Común-Anova Mareas fíxose unha firme defensa da sanidade pública, tantas veces erosionado e minorado tras unha década de gobernos do PP. “A pandemia pon ao descuberto o lesivo dos recortes realizados nos últimos anos fronte ao beneficio do capital. Estas políticas déixannos en desvantaxe para combatela”. O Covid-19 amosa que é a sanidade pública a que dá a cara e saca as castañas do lume cando hai dificultades. “Non volvamos ás andadas de desviar o orzamento público para beneficiar intereses privados. A oposición non estaría á altura se non lembra isto”.

Na súa intervención, Antón Sánchez agradeceu o esforzo e o traballo dos e das profesionais da sanidade pública e pediulle a Feijóo “estabilidade na contratación. Hai que acabar cos contratos lixo do persoal médico e de enfermería”.

Non foi a única cuestión na que Feijóo refusou dar explicacións a oposición. O presidente tamén evitou respostarlle á cidadanía en relación ao material que o goberno galego ten en stock. Galicia en Común-Anova Mareas entende escandaloso que habendo medio millón de mascarillas en stock os profesionais sanitarios non traballen coa debida protección e que, ademais, tras a queixa da Xunta de falta de material, o que hai aquí marche para Madrid.

“Aos dous días da declaración do Estado de Alarma vostede estaba criticando a falta de material como se a Xunta non tivera competencias. Días despois vemos que hai 500.000 mascarillas gardadas e que Galicia doará material sanitario a Madrid”.

En relación ás residencias de maiores, que están a ser un dos principais focos de contaxio en Galicia, insistíuselle a Feijóo na necesidade de medicalizalas e dotalas de máis recursos materiais e humanos, un dos asuntos que a coalición leva días reclamando e que se lle trasladou tamén por videoconferencia o pasado domingo. “Non poden convertirse nun negocio millonario para os fondos de investimento. A privatización das residencias, na que estamos á cabeza, tradúcese nunha peor atención aos nosos maiores”, un dos colectivos máis vulnerables nesta crise do Covid-19.

A coalición pediu tamén ao goberno galego que a crise económica e social derivada da expansión da pandemia non a paguen os de sempre. “Non pode acontecer como en 2008. Temos que lograr unha saída xusta”. Feijóo non aclarou se contempla rebaixar cargas e impostos á xente traballadora e aos autónomos mentres anunciou aprazar até xullo o imposto de sucesións, que en Galicia pagan tan só as rentas máis altas. “Vostede ve razoable aprazarlle o pago de impostos ás persoas que teñen máis dun millón de euros?”, preguntou Antón Sánchez. “Nós vemos razoable aprazarllo aos pequenos negocios”.

GeC-AM urxe a Feijóo que asuma as súas competencias, que deixe de botar balóns fóra e que aprobe unha liña de axudas a fondo perdido para PEMES e persoas autónomas. “Xa hai Comunidades Autónomas que aprobaron axudas directas. Por que vostede non o fai?”, preguntou Sánchez.

Por último, ínstouselle a Feijóo a elaborar uns novos orzamentos co consenso de todas as forzas do arco parlamentario galego. Este documento orzamentario debería incluir medidas de redistribución fiscal. “Que pague máis quen máis teña”.

Exit mobile version