Burela, 12 de marzo de 2020. En Burela quedan suspendidas todas as actividades organizadas polo Concello, entre as que se atopan as culturais, as destinadas ás persoas maiores e aos estranxeiros, entre outras. Tampouco haberá escolas deportivas e nas vindeiras horas decidirase si se pecha a biblioteca municipal. O Museo tamén se pecha. Polo momento mantense o mercado semanal previsto para mañá. O alcalde, Alfredo Llano, fai unha chamada á tranquilidade e á responsabilidade da poboación.
O rexedor dixo que “o Concello de Burela, como é normal, tamén está sensible a todo isto do virus que está afectando dunha maneira preocupante e simultaneamente en moitos lugares. As medidas que se están adoptando son aquelas que considero que se deben tomar de forma consensuada e coordinada, a través da Xunta e de organismos que realmente sexan capaces de abarcar todo o territorio, ese é o mellor método para facer as cousas”.
Para Llano “hai que entender que é necesario frear e parar, na medida do posible, a expansión desta enfermidade. Nese aspecto hai que procurar todos poñer o que se poida da nosa man. A institucións deben estar para velar pola seguridade global de todos os habitantes tanto do concello como da comarca. E por tanto temos que estar aí, ser responsables e tomar as medidas máis acertadas para frear que se siga estendendo de forma indiscriminada esta enfermidade”.
O alcalde subliñou que “en Burela todas as actividades que tíñamos para esta fin de semana, como unha obra de teatro e as competicións deportivas, quedan anuladas. Hoxe anunciaron xa que a partir do luns van cerrar os colexios e os institutos, por tanto evidentemente todo aquilo que repercuta en concentrar nen@s nalgún sitio, como poden ser as escolas deportivas, tamén o anulamos. Aquelas actividades que tíñamos pensadas para as persoas maiores sobre todo, como cursos ou outras, tamén quedan suspendidas”.
Llano contou que “mañá vamos decidir se pechamos ou non a biblioteca municipal. Creo que moitas das bibliotecas xestionadas pola Xunta xa están cerradas. Hai concellos, como o de Baiona e outros, que xa están avanzando neste tema e están cerrando. Por un lado é difícil tomar esa decisión, pero tamén hai que entender que se se está facendo dunha forma consensuada tamén debemos facer aquí o mesmo”.
O rexedor burelés explicou que Hoxe preguntábanmos se en Burela imos ter o mercado do venres. Eu entendo que en principio si, que non debemos cerrar os mercados como tampouco os supermercados nin nada diso, senón que debemos preocuparnos de que a xente teña facilidade para abastecerse, para mercar alimentación e aqueles outros produtos necesarios. Non podemos parar a actividade económica, polo menos de momento. Por tanto imos manter o mercado mañá porque é unha actividade que se fai ao aire libre e que non ten grandes concentracións en puntos concretos, aparte de facer unha función extraordinaria en alimentación e nos servizos que presta. Por iso non vamos anulalo, en principio”.
A Concellería de Inmigración e Cooperación tamén suspendeu todas as actividades que estaba a impartir para os inmigrantes e anulou un curso previsto para finais do presente mes de marzo.
Alfredo Llano pensa que “isto é tamén un proba colectiva para ver como responde a xente ante unha problemática común, como é esta do coronavirus. Entón estamos cunha cuestión experimental e debemos preocuparnos todos de facilitar o labor para que non se estenda a enfermidade. Tomar medidas conscientes e responsables para que non nos afecte. Hai que evitar o medo extraordinario e o pánico porque non ten por que habelo pois facendo ben as cousas, dunha forma consensuada, ben dirixida e con todo o mundo consciente do que está ocorrendo debemos procurar poñer o noso grao de area para que todo funcione dunha maneira normalizada. Iremos avisando e tomando as medidas que sexan necesarias. E tamén tratar de que a vida nas familias e nos individuos sexa o máis normal posible. E desde logo evitar medos e as repercusións que teñen os pánicos”.
O alcalde de Burela espera que “os abastecementos de todo tipo e os traballos se poidan facer dunha maneira normal e que no único que repercuta sexa nas actividades e naquelo que dalgunha forma estea demostrado que facilita a expansión da enfermidade. Polo tanto estaremos aí para tratar de evitalo. Se hai algunha novidade iremos dicíndoo, pero é bo que entre todos dunha forma coordinada esteamos empuxando na mesma dirección para evitar males maiores”.