A popular sinala que “incluso algúns pais e nais deixaron de levar aos seus fillos e fillas a ese parque” ante o risco de que os menores poidan “sufrir danos” porque o parque atópase “nun estado de abandono absoluto”. Sierra sinala a existencia de “táboas soltas e madeiras desgastadas, cordas en mal estado ou cravos á vista”.
A vicevoceira do Partido Popular no municipio lamenta “a falta de xestión do señor Suárez” en relación a este asunto que demostra “unha falta de sensibilidade ante as necesidades dos nosos nenos e nenas”; a pesar de “ser coñecedor da falta de zonas de ocio dirixidas aos menores que sufre Ribadeo na actualidade”. Polo tanto, demándalle ao goberno local a mellora destas infraestruturas para dotar aos nenos e nenas de Ribadeo dun parque seguro e polo tanto, garantir a tranquilidade dos pais e nais.
Falta de visibilidade
Nesta mesma rúa, os populares advirten da falta de visibilidade no paso de peóns. Elena Sierra explica que “xa demos traslado deste problema ao goberno local ante o que recibimos o silencio como resposta”. Sierra advirte que esta situación se debe “tanto á mala colocación dos colectores do lixo coma á falta de iluminación nese punto da rúa”.
A popular esíxelle, polo tanto, ao goberno do BNG que “traballe para solucionar os problemas dos nosos veciños e veciñas” criticando que “manteña a calada por resposta ante as demandas que lle trasladamos dende o Grupo Municipal do PP”.