Lugo, 3 de marzo de 2020. Os técnicos da Deputación de Lugo desenvolven esta semana as entrevistas para seleccionar aos 60 participantes do programa de emprego xuvenil Prende! Bota raíces no rural. A institución provincial escollerá, a través deste proceso, a 60 mozos e mozas de entre as preto de 90 solicitudes que chegaron en tempo e forma. Está previsto que a etapa formativa do plan arranque durante o mes de marzo.
Coa idea de facilitar a incorporación dos participantes ao programa e evitarlles custes engadidos, a Deputación realiza as entrevistas nas diferentes localidades onde terá a etapa de instrución ou en Lugo capital. Onte, as entrevistas tiveron lugar na Granxa Gayoso Castro; hoxe son en Pedrafita; mañá, mércores, celebraranse en Monforte de Lemos; o xoves, no Valadouro; e o venres, na propia Deputación.
A formación levarase a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 14 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.
Despois da primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.
No plan, co que a Deputación busca fixar poboación moza nos 55 concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes ou ata 10.000 que presentan un saldo demográfico negativo, puideron participar veciños dos seguintes municipios: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Chantada, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Castro de Rei, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.