Burela a 23 de marzo de 2020. Ante unha situación tan grave como a que estamos a vivir por mor da infección do virus COVID-19, o goberno da Xunta de Galiza e a Consellaría de Sanidade teñen a obriga de tomar todas as medidas necesarias para garantir a seguridade das/os profesionais da sanidade, e do conxunto da poboación.
Nos distintos Servizos de Saúde, dado que as competencias dos gobernos autonómicos están plenamente vixentes, están a tomar medidas que garantan a seguridade e a protección de todas/os traballadoras/es e o resto da poboación.
Por todo isto, desde CIG-SAÚDE dirixímonos a esa Consellaría e ao SERGAS para esixir que se poñan a disposición da poboación todos os recursos existentes.
CIG-SAÚDE esixe, que desde a Consellaría de Sanidade se busque a fórmula que permita pór a disposición das/os traballadoras/es e da poboación todos os establecementos dispoñíbeis diferentes ao centros hospitalarios.
Estamos a esixir o seguinte:
Que se poñan a disposición de todas/os as/os traballadoras/es da sanidade, prazas de residencia en hoteis, etcétera… preto do seu centro de traballo , para que poidan morar a alí se así o desexan, evitando o contacto coas persoas que residen no seu domicilio, para garantir a seguridade e a protección destas/es.
Pór a disposición estes centros, con distinta ubicación, de todas as persoas que teñan que facer illamento no seu domicilio, e que para garantir a seguridade e a protección da súa familia queiran realizar o tempo do seu illamento fora do seu domicilio.
Queremos lembrar, que para atender as necesidades destas instalacións é imprescindíbel dotalo de persoal, tamén de persoal de servizos privatizados como o persoal de limpeza, ao que haberá que dotalo de todo o material necesario e EPIS que garanta a súa protección.
Agardamos que estas medidas sexan postas en funcionamento na maior brevidade posíbel.