Burela a 10 de marzo de 2020. A central nacionalista entende que o protocolo SERGAS non funcionou correctamente, xa que de ser así, e co protocolo vixente, o paciente finalmente ingresado e illado no HULA por dar positivo na proba PCR e pendente de confirmación polo laboratorio de Majadahonda, non debera ingresar e ser illado nunha habitación sen presión negativa nunha das plantas de hospitalización do Hospital da Mariña, debendo permanecer no circuíto de urxencias en illamento ata a súa confirmación (ou non) e posterior traslado ao centro de referencia (HULA).
“A nosa petición, -recalcan-, é para mellorar, para estar o mellor preparados/as posible ante a crise, evitar que o virus se instale e minimizar os contaxios”, explican.
CIG-Saúde demanda do SERGAS a maior transparencia posíbel na xestión do proceso de coronavirus. Demanda, para iso, máis información e formación para todo o persoal do distrito sanitario da Mariña (Atención Especializada e Atención Primaria) e a dotación de EPIs (equipos de protección individual) necesaria: bata dun só uso resistente a líquidos, máscara FFP2, luvas e protección ocular antisalpicaduras.
A CIG-Saúde solicita que o persoal contratado que estea en illamento, e que cese no contrato, manteña a consideración de situación en activo, a todos os seus efectos: cómputo de servizos prestados.
A CIG-Saúde quere salientar que o persoal do SERGAS está actuando, tal e como se caracterizou sempre, coa maior profesionalidade, cumprindo as indicacións das/os expertas/os.
Finalmente fan un chamamento á calma e piden que usuarios e usuarias sigan a información e instrucións facilitadas polo SERGAS nesta fase de contención do coronavirus.