Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO pide a implicación dos Concellos para axudar as familias con menos ingresos a superar os efectos da crise do coronavirus

Compostela, 28 de marzo, 2020. O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia pide a implicación dos Concellos para axudar as familias con menos ingresos a superar nas mellores condicións posibles os efectos da crise do coronavirus. Con esta intención, CCOO presentoulle as súas propostas á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para que as traslade ao conxunto de entidades locais, xa que entran no ámbito das competencias destas Administracións.

En primeiro lugar, CCOO pide a aprobación dun plan de medias fiscais de apoio ás familias con menos ingresos, que consistía nunha bonificación do 95 % dos impostos municipais correspondentes ao ano 2020 para as unidades familiares que acrediten no momento da solicitude uns ingresos per cápita inferiores ao Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), situado en 537,84 euros mensuais.

No plano laboral, Comisións pide o mantemento dos contratos públicos mentres estea vixente o actual estado de alarma, así como a esixencia ás empresas subcontratistas destas obras ou sevizos de manter o emprego e as condicións laborais pactadas.

Canto á axuda a domicilio, CCOO pide suspender o servizo de libre concorrencia e priorizar a atención a grandes dependentes e persoas sen redes familiares de apoio, creando unha bolsa de persoal de reforzo. Tamén se elaborará un protocolo de actuación con medidas preventivas —e non só paliativas— para afrontar o coronavirus e asegurar equpos de protección individual (EPI) axeitados para todo o persoal.

Outras medidas propostas por CCOO son garantir recursos habitacionais para as persoas sen fogar e alimentación aos menores ante o peche dos centros educativos, establecer o carácter esencial dos Centros de Información e Atención ás Mulleres —para manter unha rede de apoio contra a violencia machista.

Por último, o sindicato solicita que as entidades locais expresen o seu rexeitamento á liberdade de horarios comerciais sen limitacións, pois non responde a unha necesidade da poboación, non atende a necesidade de protección das traballadoras do sector e impide o cumprimento axeitado dos protocolos de seguridade.

Aproveitar o superávit

Con esta iniciativa, CCOO pide mobilizar o superávit acumulado polos Concellos galegos nos últimos oito anos, que ascende a case 900 millóns de euros. Coa proposta do sindicato, un fogar de catro membros con ingresos inferiores a 2515,16 euros mensuais pagaría só o 5 % dos impostos municipais. «O obxectivo é mobilizar recursos públicos para minorar, no posible, os indesexables efectos económicos desta crise na clase traballadora», xa que os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) afectan a día de hoxe a máis de 125.000 traballadores e traballadoras en Galicia. Deste xeito, impostos como o da circulación ou o de bens inmobles son «cargas que cómpre aliviar ás familias que máis o precisen», conclúe CCOO.

Exit mobile version