Compostela, 18 de marzo, 2020. A Federación do Ensino de CCOO de Galicia presentou onte un recurso contra as instrucións publicadas no DOG que obrigan a presenza dun membro do equipo directivo nos centros educativos durante o estado de alarma.
Sendo conscientes de que están paralizados os prazos administrativos, CCOO trasladoulles aos grupos parlamentarios do PSOE e de Galicia en Común a petición de apoio ante o Goberno da Xunta para a modificación das instrucións publicadas, pois «consideramos que están a vulnerar o RD de estado de alarma que ordenaba o cesamento da actividade educativa nos centros educativos e limita ao máximo os desprazamentos».
CCOO-Ensino pon de manifesto que se «está a xogar coa saúde das traballadoras e dos traballadores» facéndoos acudir aos centros, onde non se están a efectuar os labores de limpeza e desinfección desde o inicio desta situación, e ademais cando o traballo que han desenvolver pode facerse de modo telemático.
Esta situación de alarma pode prorrogarse e as condicións de hixiene empeorarán, polo que CCOO-Ensino lle demanda ao Goberno da Xunta de Galicia que rectifique e que teña en conta, prioritariamente, a saúde do persoal ao seu cargo. «Consideramos imprescindible limitar ao máximo os desprazamentos e non pór a traballadoras e traballadores en situación de risco coas forzas de seguridade por un desprazamento totalmente innecesario», conclúe o sindicato.