Site icon Crónica3.com A Mariña

CCOO-Ensino considera «irresponsable» manter unha persoa do equipo directivo nos centros educativos

A Mariña, 16 de marzo, 2020. A Federación do Ensino de CCOO de Galicia considera «irresponsable» e «unha temeridade» manter unha persoa do equipo directivo nos centros educativos. O sindicato, que estuda denunciar, coida que a situación pode vulnerar o Real decreto que regula o estado de alarma ante o coronavirus e critica a actuación «errática» da Consellaría de Educación.

CCOO-Ensino lembra que, nun primeiro momento, a Consellaría obrigaba a todo o persoal a acudir aos centros. Posteriormente, negouse a recibir os representantes sindicais. Por último, en vez de rectificar, foi diminuíndo a obriga de asistencia de persoal, ata ficar polo de agora nun único membro para os centros de máis de seis unidades.

A Federación do Ensino de CCOO non se opón a que os equipos directivos coordinen as actividades do claustro, co obxectivo de organizar as posibles tarefas ao alumnado de xeito telemático. Porén, sinala que isto tamén se pode facer desde o domicilio, xa que todo o persoal debe estar localizable e preparando esas tarefas e existen os medios necesarios para facelo.

CCOO esixe que a Consellaría rectifique estas instrucións, non obrigando a ninguén a acudir aos centros educativos. «A saúde está por riba de calquera outra circunstancia e débense seguir de xeito taxativo as indicacións sanitarias», sinala Luz López, secretaria xeral da Federación.

CCOO-Ensino analizará cos seus servizos xurídicos estas instrucións e, de ser preciso, realizará as accións legais oportunas para que se cumpra o Real decreto «e non se xogue de xeito innecesario coas traballadoras e traballadores do ensino».

Exit mobile version