A aprobación polo Goberno do Estado do estado de “alarma” (alerta, como dicimos en galego) supón unha inédita restrición da liberdade de circulación das persoas, porque tamén é inédito este risco por pandemia. Cómpre darlle todas as oportunidades á poboación máis sensíbel ao virus.
Mais as medidas chegaron moi tarde e chegaron desenfocadas. O Goberno do Estado debeuse impór ao inoperante concello e Comunidade madrileños e confinar o territorio desa rexión. Non o fixo e milleiros de cidadáns egoístas e irresponsábeis invadiron Galicia e outros territorios. 3/4 dos case 200 casos galegos conectan cun positivo madrileño. Mentres, varios Gobernos autonómicos demostraban que as mellores decisións son as de proximidade e adoptaban medidas acaídas como os confinamentos en Haro (A Rioxa) e Igualada (Catalunya) e a costa murciana e a emerxencia sanitaria en Galicia ou Euskadi.
O Decreto-Lei de declaración desta alerta non adopta as medidas aconselladas por moitos expertos a respecto da restrición de tránsitos nos aeroportos e por longas viaxes ferroviarias. E acorda unha recentralización de competencias sanitarias, pondo á fronte de todas as Sanidades autonómicas ao Ministerio de Sanidade. É verdade que fronte a este virus a coordinación no nível estatal e europeo é fulcral. Mesmo é necesario mercar por xunto respiradores, máscaras e outro material.
A necesaria coordinación non precisa dun Mando Único estatal cheo de dúbidas e sospeitas. O presidente do Colexio Médico de Barcelona ven de denunciar que o Ministerio non coñece os recursos sanitarios existentes, porque o número e tipoloxía de centros son moi diferentes entre territorios. Vanse poder substraer recursos sanitarios de Galicia para atender á crise pandémica en Madrid? Abondaría para ilo cunha orde do Ministro sen procedemento ningún. Canto ao de pór ao Ministro de Transportes ao coidado dos trens de proximidade e do transporte urbano semella unha mala ocorrencia.
A sanidade está moito mellor dirixida dende a proximidade. Mais este activismo recentralizador non o aplica Sánchez para acordar o que lle cómpre para evitar a creba de autónomos e pemes: aprazamentos na cota empresarial da SS, exencións tributarias, aprobación “express” de regulacións temporais de emprego (sen que consuman cobertura de desemprego os traballadores) e liñas de liquidez potentes.
Sánchez non soubo pechar Madrid e agora temos o virus en Galicia. E tampouco soubo definir polo de agora unha política económica de choque para autónomos e pemes.
Mentres, cómpre aplicar a receita do civismo: cumprirmos as ordes das Autoridades e esixir as responsabilidades que cumpran cando saiamos do pozo.