Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela realizará baldeos xerais polas rúas a partires deste luns

 Burela, 20 de marzo de 2020. O Concello realizará tarefas de baldeo e desinfección xerais polas rúas a partires do vindeiro luns, 23 de marzo. O edil de Obras e Servizos, Ramiro Fernández Rey, anuncia tamén que haberá recollida de enseres os mércores, pero lembra que a veciñanza debe comunicarllo á empresa concesionaria os martes. Por outra banda, o punto limpo permanecerá pechado ata que a situación actual se normalice.

O concelleiro burelés manifestou que “desde o Concello de Burela seguimos adoptando as medidas necesarias nesta situación na que estamos vivindo, adaptando todas as decisións que tomamos ás diferentes circunstancias que van xurdindo. Neste caso queremos comunicar que o punto limpo do Concello de Burela vai permanecer pechado porque, evidentemente, a xente non pode ir levar nada alí, co cal entendemos que ese recurso que tíñamos alí é mellor dedicalo a outras cousas. Neste caso esa persoa que estaba alí vai dedicarse a facer desinfección nas áreas de maior afluencia, como poden ser supermercados, farmacias ou o centro de saúde”.

Fernández Rey aproveita para facer unha chamada ao civismo: “e quero apelar ao civismo da xente porque nesta situación aínda hai que extremar máis as medidas de hixiene. Por exemplo, cando vai se vai ao supermercado e se collen uns guantes o que non se pode facer é saír e tiralos á rúa, porque é unha falta de civismo e porque pode ser un foco de infección do virus. Os guantes e os panos hai que tiralos nos contedores ou nas papeleiras e non deixalos estrados pola rúa”.

O edil de Obras e Servizos subliñou que “ademais a partir do luns o camión de bombeiros do Concello, con auga e cunha substancia para a desinfección, empezara a facer baldeos xerais por todo o pobo. Entendemos que é unha medida que debemos tomar. E quero recordarlle á xente que ten que quedarse na casa, que é unha obrigación que temos que cumprir todos. Canto máis estritos sexamos nos cumprimento desas normas que nos están dando desde o Goberno e desde as diferentes autoridades seguramente esta situación se alargue moito menos tempo. Insisto en apelar ao civismo da xente e á boa educación porque eu penso que esta situación debemos levala o mellor posible entre todos. Esperemos que sexa no período de tempo máis curto posible e iso conséguese, evidentemente, cumprindo as normas que nos están dicindo as autoridades”.

Ramiro Fernández engadiu que “seguimos coa recollida de enseres, que vai ser os mércores chamando antes á empresa concesionaria, que pasará a recollelos sen ningún tipo de problema. O que non queremos é ver enseres tirados na rúa fóra dos días de recollida. Rogamos á xente que teña conciencia de non tirar os enseres en calquera momento, senón que chamen o martes á concesionaria para deixar o aviso e xa pasarán a recollelos o mércores pola mañá”.

Exit mobile version