Site icon Crónica3.com A Mariña

As taxas de delincuencia en Ribadeo están por debaixo de media galega. Así se puxo de manifesto na Xunta Local de Seguridade, que se reuniu esta mañá no salón de plenos do Concello

 Ribadeo, 3 de marzo de 2020. A Xunta Local de Seguridade reuniuse esta mañá no Concello de Ribadeo. Foi a primeira na que participou a subdelegada do goberno, Isabel Rodríguez. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que as taxas de delincuencia están por debaixo da media galega e que as cifras baixaron en 2019 con respecto ao ano anterior. No capítulo de suxestións feitas polo Concello figuran as fochancas da A-8 ao seu paso por Ribadeo e o alumeado nas rotondas da autovía.
O rexedor declarou que “a Xunta de Seguridade foi moi ben, como todas as que se celebran aquí en Ribadeo, neste caso era a primeira vez que estaba a nova subdelegada do goberno e foi un pracer tratar con ela”.
Suárez Barcia quixo “constatar que podemos estar optimistas. Evidentemente sempre hai delitos, problemas e cuestións negativas, pero as taxas están moi por debaixo da media galega e no 2019 melloramos con respecto ao 2018. Con todo non podemos baixar a garda e hai algunhas suxestións que se seguen facendo e que se aceptan de bo grao como intentar seguir traballando cos colexios en temas como a prevención, o acoso escolar, a xenofobia, as drogas e mesmo os incendios forestais”.
O alcalde de Ribadeo subliñou “a colaboración que está habendo entre a Garda Civil e a Policía Local, moitas veces con coordinacións conxuntas. Precisamente estes días estamos incrementando a nosa cativa Policía Local, que agora aumenta nun novo efectivo, e esperemos que nos próximos meses teñamos outro máis para ir cubrindo a ratio que debe ter Ribadeo”.
Fernando Suárez engadiu: “a queixa que temos desde hai tempo polo estado da A-8, ao seu paso por Ribadeo, que ten bastantes fochancas, e tivemos a comprensión e boa receptividade destas peticións, que serán atendidas en breve. Así como na intención de mellorar o alumeado de rotondas que están vinculadas á autovía, sobre todo no que ten que ver cos pasos de persoas, dado que no ámbito urbano de Ribadeo e en Vilaselán tamén son ámbitos urbanos, pasan os viandantes e aí estamos un pouco preocupados. A ver se podemos chegar a algún tipo de acordo nos próximos tempos, a corto prazo”.

Exit mobile version