Viveiro, 7 de marzo, 2020. Neste pasado pleno do 4 de marzo, foi aprobada a moción do BNG de Viveiro co fin de baixar a siniestralidade da LU-862, a vía que atravesa Cantarrana e que rexistrou nos últimos anos o maior número de accidentes de toda A Mariña. Non se entende como o Goberno Municipal do PSOE mirase todos estes anos cara outro lado ante a ausencia de adopcións de medidas que mellorasen a seguridade vial nesta zona, pois é unha travesía especialmente delicada polo denso tráfico que soporta, numerosas interseccións e áreas de estacionamento, con alta densidade residencial, comercial e zonas escolares.
Son tres os acordos propostos polo BNG nesta moción, moito máis ambiciosas que as propostas prometidas pola Xunta que só enfocaban estas melloras ao reforzo da sinalización e uns limitadores de velocidade.
Que o Goberno Municipal reclame ao organismo competente á realización dun estudo da estrada LU-862 ao seu paso por Cantarrana e Covas (dende a rotonda do Ecchomo ata a rotonda das Sirenas) no que se estabelezan as mellores medidas para reducir a cero a siniestralidade na mesma e a dotación orzamentaria necesaria para o seu desenvolvemento.
Que o Goberno Municipal inste á Consellería de Infraestruturas á execución do Plan de mellora da seguridade no vial LU-862 á altura de Covas anunciado no ano 2017, incluíndo ademais neste plan a modificación dos aparcadoiros para distribuílos en espiga na travesía de Covas e así os vehículos estacionados saian de fronte ao víal.
Que o goberno municipal poña en marcha un sistema de xestión de solares privados dispoñíbeis na zona de Covas para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais, a través do comodato ou préstamo de uso.
E co resultación da votación en pleno:
A favor: BNG, PSOE, Por Viveiro e Son Viveiro.
Abstencións: PP.
No debate desta moción, a alcaldesa en minoría, María Loureiro, dirixiuse ao grupo do BNG recalcando que os accidentes non eran consecuencia das deficiencias na sinalización se non pola velocidade, ao que a concelleira nacionalista lle contestou “agradecémoslle o dato, pero non ten relación co texto da moción, pois non figura en ningún dos 3 puntos do noso acordo tal medida”
Míriam Bermúdez asegura, “estaremos pendentes de que os prazos se cumplan e de que se poña en marcha canto antes o estudo para a estrada LU-862”, como tamén que se inicien canto antes os trámites para empregar os solares en desuso como aparcadoiros públicos provisionais, pois as xestións son mínimas e será unha medida esencial para desconxestionar o tráfico, pois en numerosas ocasións os coches están a dar voltas en busca dun aparcamento libre”.
“O Goberno actual da Xunta foi incapaz de pór en marcha a VAC no seu paso por Viveiro en 11 anos que leva Feijóo no Goberno, e iso que xa conta cos informes favorábeis e o visto bo da veciñanza, mais prefiriron aparecer cunha mega-ponte que non resolve os problemas principais de comunicación, conexión nin desconxestión de tráfico de Viveiro co único propósito de confrontar a veciñanza. Continuaremos pois demandándolles unha Via Alta de Capacidade para a Costa Note que permita atenuar a saturación de tráfico actual que sofre Viveiro, principal causa do estado actual de conxestión que sofren Cantarrana e Covas,” remata Bermúdez.