Burela, 11 de marzo de 2020. Aprazada sen data en Burela a Semana do Deporte, que se ía celebrar a principios do vindeiro mes de abril, como medida preventiva fronte ao coronavirus. Confirmouno esta tarde o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey.
O edil burelés dixo que “con motivo dos últimos acontecementos que está habendo con respecto ao coronavirus decidimos suspender a Semana do Deporte, que tiñamos planificado para os primeiros días de abril. En vista das circunstancias actuais decidimos entre o técnico de Deportes e mais eu, coma concelleiro, suspender eses actos e aprazalos para mais adiante. Veremos as fechas qué poñemos en función de cómo vaia evolucionando a situación que estamos a vivir no país agora mesmo”.
Fernández Rey sinalou que “a nosa idea é celebrar esa Semana do Deporte. Tiñamos o programa bastante adiantado, pero faremos os retoques que sexa posible e tentaremos contar coa mesma xente coa que queríamos contar. E a ver si noutras datas podemos cadrar unha programación da Semana do Deporte atractiva e que sexa interesante para todo o mundo”.
O concelleiro de Deportes subliñou tamén que “estamos en contacto permanente coa Xunta de Galicia e coas Federacións Deportivas para ver como se vai desenvolvendo todo este asunto do coronavirus e as medidas que hai que tomar. Estamos tamén en permanente contacto cos clubs deportivos de Burela para ver en cada momento qué actuacións imos levar adiante”.
Ramiro Fernández engadiu: “estamos na tranquilidade de que hai coordinación, de que as decisións se van tomando dunha maneira consensuada e agardemos que a situación se poida resolver á maior brevedade posible”.