Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo convoca a décima edición do concurso fotográfico Día do Pai, que estará dotado con 300 euros en premios

 Ribadeo, 6 de marzo de 2020. Acisa Ribadeo convoca a décima edición do concurso fotográfico Día do Pai, que estará dotado con 300 euros en premios.
Os traballos poden presentarse ata o vindeiro día 19 e poden participar todas as persoas maiores de idade que o desexen. As fotografías non puideron ser publicadas previamente en revistas, xornais, libros impresos ou sistemas online, e tampouco puideron ser obxecto de ningún outro premio fotográfico.
Para participar deberán subirse as imaxes á páxina do Facebook de Acisa, mediante a app instalada a tal efecto. Terá que indicarse un título da obra e as persoas que se vexan na fotografía deberán ter vínculo familiar, no caso de saír menores entenderase que a fotografía foi sacada e publicada coa autorización dos pais ou titores legais.
A aplicación no Facebook comezou a funcionar ás 00:00 horas deste 6 de marzo e desde ese momento poden subirse as fotos á plataforma. O prazo de envío remata ás 23:59 horas do 19 de marzo que será cando a app do Facebook deixe de admitir imaxes, e nese momento saberase o gañador do premio máis votado polos seguidores do Facebook de Acisa.
As fotografías terán un período de exposición pública no lugar creado a tal efecto na páxina do Facebook da asociación, ao que se poderá acceder a través do enlace https://www.facebook.com/acisa.ribadeo. Durante o prazo do 6 ao 19 de marzo terá lugar a votación popular. A publicación oficial realizarase o 20 de marzo en redes e medios de comunicación así como a título persoal aos agraciados.
A imaxe que reúna máis me gustas levará 200 euros en vales de compra como premio. E a segunda fotografía con máis apoios levará 100 euros tamén en vales de compra de Acisa.
As fotografías premiadas e as presentadas poderán ser utilizadas nas diferentes plataformas de difusión de Acisa, co único obxecto de promocionar a fase participativa do concurso.
A campaña do Día do Pai foi presentada hoxe polo xerente de Acisa, Jesús Pérez, e por Carmen Cruzado, vogal da directiva.

Exit mobile version