Ademais, desde a Delegación organizouse tamén a actuación do Servizo de Defensa Contra Incendios para levar a cabo a desinfección dos exteriores das residencias de maiores e discapacitados e dos centros de saúde. Concretamente, nesta provincia lévanse a cabo con estes equipos de limpeza, entre o día de hoxe e onte, actuacións en Baralla, Becerreá, Guntin, Taboada, Sober e Boveda.
O Posto de Mando Avanzado, constituído o pasado sábado, está composto polo delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, representantes de todas as xefaturas territoriais, representantes de emerxencias e da policía autonómica.
Entre os cometidos do Posto de Mando Avanzado está centralizar as peticións dos concellos en relación coas necesidades de material, en coordinación coa FEGAMP que xa conta cun formulario na súa web para recoller esa información. Ademais, actúa como un punto de información para os concellos.
O Punto de Mando Avanzado tamén está canalizando a través do 112 as ofertas de doazón de material que se reciban nas delegacións. Tamén está organizando a distribución do material a concellos, GES e UPA, cando se dispoña do mesmo, de acordo coas necesidades e instrucións establecidas polo CECOPI (Centro de Coordinación Operativo Integrado).