As empresas interesadas en optar a este contrato poden presentar as súas ofertas ata o día 1 de abril. O proxecto ten por obxecto a renovación integral da envolvente da edificación, tanto da cuberta como das fachadas; así como a substitución das instalacións de electricidade, alumeado e fontanería.
En concreto, está previsto substituír a chapa metálica da cuberta, incluída a renovación de baixantes e canlóns; e instalar un lucernario ao longo da cumbreira da nave. Tamén se cambiará a chapa metálica das fachadas por paneis de formigón; e na parte alta das fachadas laterais instalaranse paneis translúcidos para favorecer a iluminación natural.
Tamén se cambiarán as portas exteriores de acceso; acometerase un saneado da estrutura que incluirá tarefas de limpeza e pintado; e instalarase un aseo e un almacén na zona central da edificación.
O prazo previsto para a execución das obras será de tres meses. A nave ocupa un edificio de planta baixa que está situado nas inmediacións do porto pesqueiro de Burela e é utilizado pola confraría de pescadores como almacén e local de reparación de redes.