Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta explica este mércores en Ribadeo as novidades normativas e a ferramenta informática para o rexistro de ocupación en pisos turísticos

 Lugo, 3 de marzo de 2020. A Consellería de Cultura e Turismo celebra hoxe unha xornada informativa para responsables de vivendas de uso turístico, na que se abordarán as principais novidades normativas e as ferramentas tecnolóxicas que están a súa disposición para a xestión dos aloxamentos.

Técnicos de turismo da Consellería explicarán estes e outros aspectos esta tarde na sede da Delegación Territorial da Xunta en Lugo -no Edificio Administrativo-, a partir das seis da tarde. Mañá, informarán na comarca da Mariña, en concreto no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo, a partir das cinco da tarde.

A Consellería remitiu previamente a información necesaria por vía electrónica a todos os propietarios. As xornadas pretenden, polo tanto, reforzar a comunicación e asesorar con casos prácticos e, moi especialmente, resolver as dúbidas que poidan ter sobre medidas que lles afectan directamente.

Entre estas, cómpre citar a obrigatoriedade de incorporar o seu número de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) nas plataformas nas que se oferten, e o uso da ferramenta tecnolóxica posta en marcha pola Xunta para que poidan remitir trimestralmente os seus datos de ocupación, como así se establece desde comezos deste ano

As persoas interesadas en acudir a calquera das dúas charlas poden inscribirse no seguinte enderezo de correo electrónico area.turismo.lugo@xunta.gal. A asistencia é gratuíta.

Exit mobile version