Site icon Crónica3.com A Mariña

A Rede Museística Provincial ofrecerá actividades didácticas en liña

 Lugo, 16 de marzo de 2020. A Rede Museística Provincial porá en marcha actividades en liña, adaptando parte da súa programación didáctica á situación de excepcionalidade provocada pola crise do coronavirus Covid-19.

Cada día, ás 12.00 horas, desenvolveranse sesións virtuais nas que se invitará aos nenos e nenas a crearen o seu propio museo. Trátase dunha proposta que forma parte da oferta didáctica dos museos e que agora se traslada á rede poñendo a disposición das familias recursos para contribuír a que estes días de permanencia obrigada nas casas se fagan máis amenos.

“Día a día acompañaremos aos nenas e nenos para que creen os seus museos persoais con pezas de valor para eles, para que dialoguen cos seus maiores e recuperen a memoria, as raíces e a súa historia, para que debuxen, pinten, imaxinen e creen”, explica Encarna Lago, xerente da Rede Museística.

Cando a Rede Museística recupere a actividade habitual, ofrecerase ás familias a posibilidade de expoñer e compartir os seus traballos nos museos.

Como participar?

As actividades en liña ofreceranse a través de Zoom, unha aplicación empregada no ámbito educativo para a formación en liña que permite conectar ata 120 participantes con vídeo interactivo.

As persoas interesadas en participar nestas actividades didácticas online poden solicitalo na dirección electrónica redemuseistica@gmail.com, a través da que lles facilitarán o enlace e os contrasinais de acceso.

Visitas virtuais

A Rede Museística Provincial tamén ofrece outros recursos en liña como as visitas panorámicas e virtuais ao Museo do Mar do San Cibrao, ao Pazo de Tor e ao Museo Fortaleza de San Paio de Narla.

Exit mobile version