Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma de Infancia de Galicia traslada á Dirección Xeral de Familia medidas para paliar os efectos da crise polo Covid-19

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2020. As entidades que forman parte da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) ven de presentar á Dirección Xeral de Familia da Xunta de Galicia unha serie de medidas para garantir os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes mentras dura a crise polo Covid-19.

Neste sentido desde a POIG destacan que servizos esenciais se están vendo afectados pola crise sanitaria. Moitos dos seus destinatarios e destinatarias atópanse nunha situación de especial vulnerabilidade.

Así que a POI Galicia ven de establecer, a través das súas 30 entidades membro, unha canle permanente de recollida e detección de problemáticas asociadas á crise sanitaria.

Deste xeito se traballa co obxectivo de localizar problemáticas e de propoñer ás administracións públicas correspondentes medidas que palíen, especialmente nos colectivos máis vulnerables, o impacto desta situación na infancia e adolescencia da nosa comunidade.

MEDIDAS
As familias con menos recursos e en risco de exclusión con nenos, nenas e adolescentes a cargo, suman a súa situación de por si xa precaria uns gastos extraordinarios aos que deben de facer fronte nesta crise. A falta de apoios habituais, incrementada polo exceso de ansiedade a causa da falta de ingresos e a permanencia en moitos casos en infravivendas, fan que a súa situación empeore. Como medida para paliar esta carencia, a POIG propón:
Fortalecer a actual prestación por fillo a cargo, alo menos aos perceptores antes de crise e valorar un incremento da cobertura a medio prazo.
Realizar un seguimento sobre o impacto do confinamento na saúde, benestar, educación ou desenvolvemento nos nenos, nenas e adolescentes en situacións de precariedade a causa de residir en infravivendas.
Referente ao o dereito a recibir unha alimentación adecuada, precísase prestar atención prioritaria á infancia que recibía becas escolares para comedor, ou que estaban en proceso da súa tramitación, para valorar de que maneira se vai garantir a continuidade deste servizo esencial mentres os colexios permanezan pechados. Igualmente debe prestarse atención á infancia vulnerable das áreas do rural, especialmente das máis illadas, por ter maiores dificultades para trasladarse para mercar produtos de primeira necesidade. Desde a POIG proponse:
A articulación de alternativas eficaces para achegar os menús ás familias con regularidade, tendo sempre presente criterios dunha alimentación axeitada e saudable.
Activación dunha prestación de tarxetas monederos ou bono de compra para familias vulnerables con nenos, nenas e adolescentes.
Establecemento dunha rede de apoio diaria e continuada ás familias das áreas do rural máis illadas.
No ámbito das familias con nenos, nenas e adolescente con necesidades especiais de protección, vanse dar situacións complexas na convivencia nesta época de confinamento, onde as persoas máis vulnerables van a estar expostas a situacións nas que se poden incrementar os casos de uso da violencia ou de abusos infantís. Como medidas que incrementen a protección, a POIG propón:
Realización de seguimentos de expedientes abertos a persoas menores de idade e das familias nos que se teña identificada previamente algunha situación violenta.
Habilitación dunha liña aberta ás familias con expedientes abertos a causa dalgunha situación violenta, para a atención psicolóxica urxente.
A realización de campañas de sensibilización en medios de comunicación e redes sociais sobre a importancia de estar atentos para detectar e comunicar de situacións de abusivo ou maltrato infantil.
No tempo de duración do estado de alarma, moitos mozos e mozas que se atopan nos centros de protección cumpren ou están próximos a cumprir os 18 anos. Precisan estabilizar a súa situación persoal antes do emancipamento e un acompañamento na nova etapa. Desde a POIG proponse:
A suspensión de todas as baixas/ceses nos centros por ter cumpridos os 18 anos, salvo excepcións xustificadas, incluídos os que finalicen a situación de prórroga, durante a emerxencia sanitaria.
Unha vez restaurada a normalidade, habilitar novos períodos de prórrogas de 4-6 meses para este colectivo de mozos e mozas.

Ao ver como a súa búsqueda activa de emprego interrómpese, proponse durante na etapa de confinamento a posta a disposición de material específico onde se traballe a visión da realidade social e as posibilidades e dificultades que van a caracterizar o mundo laboral ao finalizar a crise sanitaria.
Trala finalización do confinamento, proponse garantir desde as oficinas de emprego un servizo de orientación extraordinario, ademais de facilitar o acceso a formacións ocupacionais, a aqueles/as que non teñan conseguido o título da E.S.O. polo menos durante 1 ano.
Referente ao dereito á educación, o parón educativo presencial afecta especialmente a infancia máis vulnerable, tanto nas cidades como no rural, correndo o risco de incrementar o desfase curricular debido á falta de acceso a internet, de apoios ou de materiais adaptados.
Neste contexto poden darse situacións de sobrecarga de tarefas escolares creando estrés para á infancia, un exceso que so beneficiará aos nenos, nenas e adolescentes que teñen máis recursos, autonomía e apoio das súas familias. A POIG propón como medidas:
Revisión dos criterios para superar o curso e as avaliacións pendentes, de maneira que permita aos profesores rebaixar as esixencias a hora de enviar as tarefas, velando polo benestar dos nenos e das nenas.
Posibilidade de recibir as tarefas escolares en soporte papel a todos os nenos, nenas e adolescentes mentres non teñan a posibilidade de conexión a internet. Medidas de apoio para afrontar o gasto extraordinario para dispoñer de acceso a internet e dispositivos electrónicos nos fogares.
Activar medidas para identificar e seguir ao alumnado que non está conectado cos seu centro escolar e cos seus profesores.
No caso centros con nenos, nenas e adolescentes con TEA/TDHA, proponse a creación e difusión de contidos educativos e lúdicos para que os profesionais dos centros poidan seguir traballando e a realización dun asesoramento semanal vía telemática por parte de profesionais especializados para atender todas as necesidades que se requiran.
Activar medidas de seguimento individualizado para a infancia máis vulnerable (incluíndo o telefónico) dos nenos, nenas e adolescentes por parte dos profesores/as.
Rematado o tempo de illamento, establecer medidas de apoio aos programas de reforzo educativo e escolar que se viñan realizando por moitas entidades educativas de iniciativa social, que permitan incrementar o número de especialistas e educadores co obxectivo de paliar a brecha que se está a producir.
Unha das medidas que recomendou o goberno nesta crise é a realización do teletraballo. Esta nova realidade está xerando un problema de conciliación, especialmente en fogares monoparentais ou de familia numerosa. A POIG propón:
Facilitar o teletraballo en fogares con nenos e nenas menores de 12 anos, cando sexa posible.
Optar por medidas que favorezan a conciliación e redunden no benestar nos nenos, nenas e adolescentes, tales como: flexibilidade horaria, redución de xornada sen custe económico ou a posibilidade de acollerse ao permiso retribuído durante o período de confinamento.
Referente ao dereito ao xogo e ao lecer, o illamento radical está a provocar nenos, nenas e adolescentes non teñan liberdade de movemento nin relacións presenciais cos seus iguais, sobre todo en persoas desde os 3 anos ata os 25 anos, e especialmente en familias sen recursos ou con infravivendas. A POIG propón:
Rematada a etapa de confinamento, incentivar ás entidades de tempo libre e asociacións xuvenís a ampliar a súa oferta de lecer educativo, ademais de facilitar axudas económicas ou becas destinadas á infancia co obxectivo de paliar o custo das ofertas de actividades de tempo libre.
No tratamento da información e da comunicación, cómpre ter en conta que os nenos e nenas poden vivir con angustia e medo esta situación ao non entender a razón de que a súa vida cambiase de forma tan radical repentinamente. A POIG propón:
Realizar accións comunicativas destinadas ao público infantil tales como rodas de prensa destinada á infancia. O goberno podería intervir respondendo ás preguntas dos nenos e nenas sobre a situación que están a vivir fronte o COVID-19.
Realización de materiais adaptados para nenos, nenas e adolescentes, así como materiais formativos para nais, pais ou responsables para facer fronte a esta situación.
Incrementar a comunicación a través das canles dispoñibles e entidades do terceiro sector, sobre o acceso a axudas, prestacións e dereitos laborais nesta crise, coa finalidade de que os fogares onde residen nenos e nenas vulnerables, poidan ter coñecemento delas.

Realizar todas as accións comunicativas accesibles para ás familias e infancia con discapacidade, tendo en conta as diversas necesidades especiais.
Habilitación de redes ou dun canal en internet onde os protagonistas sexan os nenos, nenas e adolescentes, no cal elaboren os seus vídeos e nos conten como están a vivir o confinamento na casa, coa finalidade de facelos máis visibles e como ferramenta de entretemento.

Exit mobile version