Estas decisións aseguran a prestación do servizo e a estabilidade e os dereitos salariais e laborais da plantilla. A resolución do contrato terá efectos dende o 11 de marzo e o encargo a Tragsa terá vigor dende o día 12.
José Tomé explicoulles ás empregadas e empregados que o encargo a Tragsa leva consigo a súa subrogación á empresa pública, co cal se garanten a totalidade dos 32 empregos e mantéñense tamén as súas condicións salariais e laborais, tal e como se comprometera o propio Presidente coas traballadoras.
Tragsa, medio propio da Deputación dende que entrou o pasado decembro no seu accionariado, farase cargo da limpeza de dependencias provinciais de maneira provisional, mentres a institución desenvolve a tramitación dun novo concurso para adxudicar outra vez o contrato. A duración prevista da encomenda é, deste xeito, de 6 meses, por un importe económico de 404.336,14€.
A Xunta de Goberno acordou o día 31 de xaneiro iniciar o procedemento de resolución do contrato, un proceso que concluirá mañá co acordo do Executivo de extinguir a relación contractual con esta firma, que leva consigo a incautación da garantía, de 98.894,97€.
Este novo paso dado pola institución provincial para garantir a prestación do servizo de limpeza e a estabilidade e os dereitos salariais e laborais da plantilla prodúcese despois de que o Goberno actuase con rapidez e rigor a finais do pasado ano para que as traballadoras puidesen cobrar os soldos que lles adebedaba a empresa –dous meses do 2019 e a paga extra de decembro-. Para iso, mediou coa adxudicataria para acordar unha cesión de crédito ás traballadoras, de xeito que o importe das facturas abonadas pola Deputación polo servizo van directamente para as empregadas, na cantidade correspondente aos seus salarios. Con este mecanismo, non só cobraron as dúas nóminas e a paga extra de decembro, senón que hoxe mesmo lles foi ingresado o importe do soldo de xaneiro e a Deputación está a facer a tramitación para que perciban o de febreiro.