Lugo, 17 de marzo de 2020. A Deputación de Lugo reforza estes días o contacto coas 1302 persoas maiores da provincia que a día de hoxe son usuarias do servizo de teleasistencia. A institución puxo en funcionamento unha campaña co obxectivo de facilitarlles información e recomendacións que contribúan a frear a propagación do coronavirus Covid-19
A campaña, entre outras cuestións, inclúe chamadas ás persoas usuarias para lembrarlles que dispoñen dun teléfono de información centralizado relativo á enfermidade, facilitarlles recomendacións de hixiene e protección, e dar consellos adaptados a esta nova situación aos seus coidadores. Ademais, farase un seguimento específico no caso de que usuarios deste servizo tiveran que realizar a proba do coronavirus, intensificando as chamadas para comprobar a evolución da sintomatoloxía.
Pola súa banda, tamén se establece un protocolo de seguimento especial no caso de que usuarios e usuarias tivesen que someterse a un illamento por posible diagnóstico de coronavirus Covid-19. Neste caso, farase un control telefónico continuado, chamando de forma diaria durante 14 días para coñecer o seu estado de saúde e comprobar se houbo unha mellora ou empeoramento.
O Presidente explica que “queremos que os nosos maiores non se sintan sós, teñan a información necesaria sobre esta nova enfermidade e saiban que deben facer no caso de sentir algún dos síntomas”. “Mediante o servizo de teleasistencia eles e as súas familias saben que teñen a alguén ao outro lado do botón vermello as 24 horas do día, os 365 días do ano”, subliñou José Tomé.
Medidas de prevención
O servizo de teleasistencia inclúe novas medidas de prevención para cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias durante o Estado de Alarma. Desta forma, as visitas aos domicilios limítanse á resolución de avarías do equipamento do servizo que imposibiliten a comunicación entre a persoa usuaria e o centro de atención. Tamén se suspenden as altas no servizo e anúlase calquera outra actividade ou acción que implique o contacto directo coas persoas usuarias.