Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ofrece á Xunta a súa colaboración para o reparto de material de protección fronte ao Covid-19 entre os concellos da provincia

 Lugo, 28 de marzo de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que pon a disposición da Xunta de Galicia os medios da institución provincial para efectuar o reparto de material sanitario e de protección fronte ao Covid-19 entre os 67 concellos da provincia. “O Goberno galego é o que ten a obriga e as competencias nestas tarefas de distribución de equipamentos, pero ofrecemos a nosa colaboración para lograr que se faga dunha maneira equitativa e máis áxil e eficaz ante a necesidade que existe entre os nosos municipios destes recursos de protección para que poidan desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade”, subliñou o mandatario provincial.

Tomé Roca explica que lle remitirá á Xunta de Galicia unha carta amosando a vontade de colaboración da Deputación de Lugo “dende a lealdade institucional para que se poida axilizar o proceso de distribución dos equipamentos de protección entre os municipios lucenses e que se realice con criterios realmente equitativos e xustos”. “Polo que sabemos, só algúns concellos recibiron material e en cantidade escasa, insuficiente para cubrir as súas necesidades. Con esta axuda, o que queremos é que o teñan todos porque na Deputación cremos que todos os municipios son igual de importantes”, subliña José Tomé.

Precisamente, a principios desta semana o Presidente da Deputación de Lugo trasladou nun escrito ao Presidente da Xunta e á Consellería de Sanidade a preocupación manifestada pola inmensa maioría dos concellos da provincia ante a falta de equipamentos de protección para facer fronte ao coronavirus e lle demandou que, á maior brevidade posible, lles proporcione material en cantidades suficientes para cubrir as súas necesidades.

Exit mobile version