Lugo, 26 de marzo de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, trasladou á Xunta de Galicia a demanda dos concellos da provincia relativa á necesidade de dotalos de equipamentos de protección para facer fronte ao coronavirus.
Recollendo a preocupación manifestada pola inmensa maioría dos municipios da provincia de Lugo, relativa á falta de Equipamentos de Protección Individual -EPIs- para minimizar os riscos de contaxio do COVID-19, o Presidente remitiu un escrito á Presidencia da Xunta e á Consellería de Sanidade no que solicita á Administración autonómica que, “dentro das súas responsabilidades na crise sanitaria, proporcione a todos os concellos lucenses, canto antes, o material de auto protección en cantidades suficientes para poder desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade”.
A Deputación Provincial de Lugo, cumprindo coa súa función esencial de cooperación cos concellos e como valedora das súas demandas, espera que a Xunta de Galicia atenda, á maior brevidade posible, as súas necesidades.