Lugo, 4 de marzo de 2020. A Deputación de Lugo seguirá apostando ao longo deste ano 2020 pola innovación tecnolóxica e o posicionamento dixital para mellorar a difusión e o acceso á oferta turística da provincia. Así o acordou o Consello Provincial de Turismo que celebrou na tarde deste mércores unha sesión ordinaria. A vicepresidenta do Consello e Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou o documento do Plan de Traballo para este ano.
García Porto explicou as liñas estratéxicas que se van seguir ao longo destes meses en materia turística. “Imos apostar por intensificar a nosa presenza no mundo dixital, imos actualizar o material propio de promoción da provincia, continuar avanzando no Proxecto de Sinalización Intelixente, reforzar a formación das guías turísticas, aumentar a nosa presenza en feiras, mellorar o servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, emprender accións singulares de promoción da nosa riqueza medioambiental e, entre outras iniciativas e establecer colaboracións con eventos de promoción turística de referencia no noso territorio, entre outras cuestións”, explicou.
Nesta mesma sesión tamén se deu conta das principais accións realizadas pola Área de Turismo da Deputación de Lugo ao longo do ano 2019 e fíxoselle entrega dunha memoria a cada un dos membros do Consello. Nese documento recóllese a colaboración na promoción das Xornadas de Exaltacións Gastronómicas, iniciativas promovidas coa Universidade de Santiago, a celebración do Día Mundial do Turismo, as rutas fluviais en catamarán, a realización de actividades de turismo científico no territorio de Ancares-Courel, o plan de promoción online, a posta en marcha das apps turísticas, o impulso de accións nas redes sociais, a realización de campañas audiovisuais, o plan de comunicación offline, participación en feiras, asistencia a foros sectoriais, cesión dun abeto de Nadal ao Museo Nacional Do Prado, a promoción da provincia no Dakar ou a aprobación das bases dos Premios Provinciais de Turismo, entre outras iniciativas que recolle a memoria.
Adhesión de novos membros
Nesta mesma sesión tamén se acordou a adhesión de dous novos membros ao Consello de Turismo. Trátase da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e tamén a Reserva da Biosfera Terras do Miño. “O desenvolvemento das actividades turísticas e de recepción dos visitantes baixo programas de calidade dentro do ámbitos das Reservas é un eixe estratéxico das economías de calidade, por iso valoramos moi positivamente a adhesión ao Consello destas dúas Reservas”, subliñou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.
García Porto engadiu que “o turismo sostible, desenvolvido de forma harmónica e compatible coa conservación dos recursos naturais, pode axudar, ademais de a aumentar os ingresos que xera a propia actividade, a mellor a xestión e conservación da biodiversidade debido ao interese dos turistas polos valores naturais”.
Órgano participativo e consultivo
A posta en marcha do Consello Provincial de Turismo é unha das medidas definidas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo na Provincia de Lugo (2017-2020), pois establece a constitución de estruturas de xestión de carácter multidisciplinar e participativas que promovan accións en impulso da marca turística Lugo. Forman parte deste organismo 24 persoas relacionadas co turismo da provincia (representando a asociacións, entidades e institucións), co obxectivo de impulsar a gobernanza turística a través deste novo ente, participativo e consultivo.