Lugo, 24 de marzo de 2020. O Goberno da Deputación anunciou este martes a decisión de adaptar o Plan Único 2020 co fin de que os 67 concellos da provincia poidan cubrir con estes fondos medidas e necesidades sociais provocadas pola crise do Covid-19. Deste xeito, as bases do Plan Único adáptanse para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus.
En concreto, a redacción das bases tras o cambio é a seguinte: “De xeito excepcional, e con motivo da situación de alarma sanitaria decretada polo RD 463/2020, de 14 de marzo, e posterior modificación, exceptúase da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos a aqueles concellos que lles sexa necesario facer fronte a gastos correntes derivados da situación de alarma e emerxencia sanitaria por mor do coronavirus Covid-19. Non obstante, das cantidades destinadas a investimentos, mantense a obriga do concello de dedicar o 60% da achega provincial ao arranxo e mellora de vías municipais”.
O Presidente, José Tomé, que mantivo unha reunión esta mañá coa Vicepresidenta, Maite Ferreiro, para abordar esta cuestión, explicou que “esta medida contribúe a que os concellos poidan responder con máis rapidez e eficacia ao novo escenario de prioridades e necesidades que deben afrontar debido á situación de emerxencia de saúde pública que estamos a vivir. “A Deputación é o Concello dos Concellos. A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os efectos desta crise sanitaria. É aquí onde temos unha función clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”.
Esta medida dá aos concellos “a seguridade e a tranquilidade de que van ver as súas arcas municipais reforzadas para afrontar as necesidades que xurdan pola crise do coronavirus”, recalcou o Presidente.
A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou que “esta crise sanitaria está a supoñer un gran desafío para os concellos. Somos conscientes do esforzo que están a facer sobre todo no que ten que ver coa xestión do Servizo de Axuda no Fogar. Moitos organizaron tamén outros servizos de proximidade para levar alimentos e medicinas a persoas maiores que viven soas ou non dispoñen de vehículo propio. Queremos que o Plan Único sexa unha ferramenta flexible, que se adapte as necesidades que os concellos teñen nesta situación excepcional”.
Maite Ferreiro tamén amosou o seu apoio ás demandas de material de protección que están a realizar os concellos. “É imprescindible que as traballadoras destes servizos conten con equipos de protección para facer o seu traballo. Trátase de protexer a súa saúde e tamén a das persoas as que atenden”.
A Pleno o 2 de abril
O Goberno da Deputación decidiu así mesmo fixar para o 2 de abril, ás 11.00 horas, a celebración dun Pleno extraordinario para aprobar o Plan Único 2020, que se incrementa este ano ata os 21,3M€, co obxectivo de que os concellos poidan dispoñer canto antes destes fondos, “que, se sempre son necesarios, quizais moito máis este ano pola grave situación que estamos a vivir, pois contribuirán, non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o estado de alarma”. O Plan Único “repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que sen dúbida axudará a recuperar o pulso das economías locais”.
Atendendo a esta situación, o Goberno provincial acordou ampliar os prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo ao Plan Único 2020. Así, amplíase un mes o prazo para a contratación, pasando a data límite do 30 de setembro ao 30 de outubro.
O Pleno será retransmitido como é habitual por streaming para que toda a cidadanía que así o desexe e os medios de comunicación poidan velo. Celebrarase sen a presencia de público e gardando ás distancias de seguridade, así como todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias e gubernamentais.
Outras medidas
A adaptación das bases do Plan Único para que os concellos da provincia poidan dispoñer de maiores recursos económicos fronte ao Covid-19 súmase a outras decisións de carácter social e económico adoptadas pola Deputación para paliaro impacto desta crise, como a de priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade, ou a de reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.
A distribución dos fondos do Plan Único 2020 por concellos
A Deputación distribúe os 21,3M€ do Plan Único 2020 entre os 67 municipios da provincia en base a criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais de 2019.
CONCELLOS E ACHEGA PLAN ÚNICO 2020
ABADIN
335.452,02 €
ALFOZ
271.839,06 €
ANTAS DE ULLA
273.253,05 €
BALEIRA
275.204,38 €
BARALLA
291.159,27 €
BARREIROS
273.826,94 €
BECERREA
301.049,68 €
BEGONTE
296.519,57 €
BOVEDA
244.541,56 €
BURELA
371.358,11 €
CARBALLEDO
313.346,75 €
CASTRO DE REI
389.115,87 €
CASTROVERDE
300.901,96 €
CERVANTES
317.983,83 €
CERVO
292.572,38 €
CORGO (O)
336.440,43 €
COSPEITO
360.134,92 €
CHANTADA
463.855,35 €
FOLGOSO DO COUREL
267.217,14 €
FONSAGRADA (A)
436.394,76 €
FOZ
420.355,18 €
FRIOL
407.438,43 €
GUITIRIZ
439.625,65 €
GUNTIN
313.652,58 €
INCIO (O)
288.203,48 €
LANCARA
295.006,95 €
LOURENZA
251.163,40 €
LUGO
500.000,00 €
MEIRA
221.916,78 €
MONDOÑEDO
306.623,32 €
MONFORTE DE LEMOS
500.000,00 €
MONTERROSO
302.947,57 €
MURAS
286.381,48 €
NAVIA DE SUARNA
309.783,73 €
NEGUEIRA DE MUÑIZ
192.395,10 €
NOGAIS (AS)
240.611,11 €
OUROL
303.762,13 €
OUTEIRO DE REI
353.004,86 €
PALAS DE REI
373.843,01 €
PANTON
329.043,94 €
PARADELA
284.985,36 €
PARAMO (O)
244.384,06 €
PASTORIZA (A)
323.175,96 €
PEDRAFITA DO CEBREIRO
254.867,75 €
POBRA DO BROLLON (A)
284.043,90 €
POL
267.691,15 €
PONTENOVA (A)
272.263,66 €
PORTOMARIN
263.550,93 €
QUIROGA
347.458,38 €
RABADE
194.670,07 €
RIBADEO
440.481,17 €
RIBAS DE SIL
228.254,99 €
RIBEIRA DE PIQUIN
230.974,79 €
RIOTORTO
237.414,12 €
SAMOS
278.735,45 €
SARRIA
500.000,00 €
SAVIÑAO (O)
379.340,83 €
SOBER
321.753,18 €
TABOADA
325.838,30 €
TRABADA
248.758,94 €
TRIACASTELA
201.359,85 €
VALADOURO (O)
286.020,65 €
VICEDO (O)
254.212,15 €
VILALBA
500.000,00 €
VIVEIRO
500.000,00 €
XERMADE
306.454,43 €
XOVE
275.384,20 €
TOTAL
21.300.000,00 €