Lugo, 31 de marzo, 2020. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) continúa traballando cada día para manter a todos os seus asociados informados puntualmente sobre todas as medidas adoptadas polo Goberno e as demandas realizadas en colaboración e coordinación coas patronais de restauración (Confederación Empresarial Hostelería de España, CEHE) e de aloxamento (Confederación Española de Hoteles y Alojamientos Turísticos, CEHAT) para que as consecuencias económicas desta crise sanitaria pola que estamos a pasar sexan o máis liviás posible. Neste sentido, a Asociación segue reclamando medidas necesarias como a suspensión de pagos relativos aos dereitos da propiedade intelectual ou a suspensión dos alugueres mentres dure o estado de alarma. Desde Apehl cren que “só coa aplicación das medidas que reclamamos, a hostalería poderá recuperarse e volver abrir cando todo isto pase”. SOBRE OS DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL En coordinación coa CEHE e a CEHAT, desde Apehl reclaman a postergación das cotizacións relativas aos dereitos da propiedade intelectual durante o período de peche dos establecementos. Grazas a iso, unha das entidades responsable disto, a AISGE (Artistas Intérpretes, Sociedad de Gestión), xa anunciou que apraza a emisión e cobro da factura correspondente ao primeiro trimestre de 2020. Da mesma maneira, e se para entón mellorou a situación, no mes de xullo procederase a facturar o semestre correspondente, pero nesa liquidación non se computará o período de suspensión de actividade desde o 13 de marzo. Non é así aínda no caso doutras entidades de xestión de dereitos de autor como SGAE, AGEDI e AIE, coas que se segue traballando, en coordinación coas patronais que representan ao sector, para que a postergación que anunciaron se converta nunha anulación das cotizacións polo menos durante os períodos de peche.