Tendo en conta os prexuízos que está a ocasionar o coronavirus aos autónomos e traballadores do sector, consideran necesaria “a suspensión de impostos e a adopción de novas medidas a nivel municipal que teñan como obxectivo común a dinamización do consumo e o turismo”.
Entre elas, o presidente da Asociación, Cheché Real, enumerou “as deducións e exencións fiscais nas bonificacións do IAE, a redución da taxa por utilización privativa do dominio público, relativa a terrazas e veladores, ou as exencións no pago das concesións administrativas polo uso de locais e establecementos propiedade do Concello”.
Considerou tamén importante “axilizar o pago a provedores de facturas por servizos xa prestados para inxectar liquidez nas empresas e modificar o calendario do contribuínte, atrasando os recibos entre catro e cinco meses e ampliando o prazo da taxa por servizos de auga, lixo, rede de sumidoiros e canon de saneamento; así como valorar a posibilidade de que o contribuínte poida solicitar ao Concello o fraccionamento do pago dos seus impostos para facilitar o cumprimento das súas obrigacións tributarias”.
Así mesmo, solicitou “non proceder á execución de garantías que recaian sobre bens inmobles desde a entrada en vigor do Real Decreto 8/2020 de 17 de marzo ata o 30 de abril de 2020, tal e como establece o artigo 33 do Real Decreto-Lei”.
A todo iso, engade que se fan imprescindibles medidas de impulso e apoio á actividade económica. “É esencial que pensemos en axudar o mantemento da actividade e do emprego nas pemes lucenses de hostalería e turismo, así como tratar de reducir ou suspender os gastos de aluguer, pagos a provedores, impostos ou cotas como a de autónomos”, afirmou.
Desde Apehl alertan unha vez máis da situación á que se enfrontan os negocios hostaleiros da provincia e apelan á urxencia destas medidas. Ademais, maniféstanse a disposición das administracións locais para valorar e acordar outras que pretendan axudar a paliar os efectos desta crise en todo o sector.
COORDINACIÓN E INFORMACIÓN
A Asociación está en continua comunicación co resto de asociacións de hostalería do territorio nacional, así como coas patronais de restauración (CEHE) e aloxamento (CEHAT). Mantén a información puntualmente, minuto a minuto, aos asociados da provincia de Lugo para que sexan coñecedores das inquietudes do sector de hostalería a nivel nacional ante esta alarma e as súas consecuencias.