“A reunión foi fructífera porque escoitou as nosas demandas e prometeu estudialas de forma inmediata na busca de solucións aos problemas de saturación que ten o centro”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.
“Queremos que a Xunta cubra as vacantes que hai agora mesmo no PAC, dúas de mañá e unha de tarde, de forma estable, aínda que Sanidade asegura que é complicado a día de hoxe atopar facultativos de longa duración”, explica.
“Hai outros problemas en servizos determinados, como o de fisioterapia, o que provoca listas de espera de meses para rehabilitación en Viveiro, e esperamos que a reunión de hoxe sirva de algo e se solucione a curto prazo”, engade a alcaldesa.
A reunión de hoxe derivaba da solicitude feita por carta pola alcaldesa no mes de xaneiro polas carencias de persoal detectadas xa desde hai tempo no centro de saúde, o que provocou bastantes protestas dos usuarios.
“Tamén puxemos enriba da mesa a necesidade de reforzar os servizos médicos en épocas de moita afluencia de persoas, como a Semana Santa ou o Resurection Fest”, remata María Loureiro.