Site icon Crónica3.com A Mariña

“8m. Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado”, por Cielo Fernández

O título deste pequeno artigo é o lema deste 8M galego. Queriamos debullar este lema, e farémolo comenzando polo final: “derrubando o patriarcado”. A idea do patriarcado xorde e consolídase na teoría feminista, e agora mesmo pasou xa a formar parte do noso vocabulario cotián porque cada vez a escoitamos máis nos medios de comunicación, nos discursos ou nos libros.
O patriarcado, así, moi brevemente, consiste nun sistema de organización social que se basea na dominación dunha metade da humanidade —os homes— sobre a outra metade —as mulleres—. E esta dominación está fundada e sostida polo poder imposto por medio da forza e da violencia sexa física, emocional ou institucional. Ademais atribúe a cada grupo un conxunto de roles, ideais, expectativas, traballos, sentimentos, metas etc. que quedan definidas en función do grupo ao que se pertence, así, por exemplo, ás mulleres déixasenos os coidados e aos homes o traballo mellor remunerado, e valórase como máis importante todo o que se lles atribúe aos homes mentres que todo o que pasa a ser “cousa de mulleres” é de segunda categoría. Este sistema leva con nós séculos e está no cerne da cultura occidental, por iso é tan difícil velo, decatarnos do que en realidade ocorre, é coma o aire que respiramos, non somos conscientes de que existe pero está sempre aí.
É indubidable que o movemento feminista leva conseguido grandes avances na loita por facer que isto mude. Dereitos das mulleres tan básicos coma o dereito a cursar estudos superiores ou o dereito ao voto, para as que nacemos con eles xa dados son tan parte de nós, que nos custa crer que non se conseguisen máis que logo de anos de loita e que as mulleres que os esixían tivesen que sufrir humillacións, persecucións e todo tipo de escarnios por reclamalos.
Porén, aínda que os logros son indubidables, son petiscos do gran pastel, mais o pastel segue sendo o mesmo, e nós queremos outro pastel, queremos mudar o sistema, iso é o que propón o lema deste ano.
O patriarcado vai da man agora mesmo do neoliberalismo, o sistema político-económico no que estamos inmersas. Un sistema que ten como única meta aumentar exponencialmente as ganancias de cada vez menos xente á custa de empobrecer cada vez máis xente, á custa do planeta,á custa de colectividades enteiras de todo o mundo condenadas á desaparición, á custa de crear masas de xente que teñen que fuxir da pobreza e dos desastres naturais, esas persoas refuxiadas ás que logo, nunha cruel ironía, acusaremos dos nosos males.
O feminismo quere frear a avaricia sen fin, a cobiza sen fin deste sistema. E poñer no centro a vida cos coidados que precisa para seguir sendo vida.
Os coidados compartidos e situados no centro, lonxe do suposto papel secundario que o sistema actual lles asigna, son semente do gran cambio, do cambio de mentalidade que nos faga, como sociedade, apreciar e distinguir o que verdadeiramente importa e conformar a nosa vida en función deses valores. SEN COIDADOS NON HAI VIDA.
O 8M estamos convidadas e convidados a participar en Foz na manifestación comarcal que vai levar á rúa este lema, esta esixencia. Estarás con nós?

Exit mobile version