Ribadeo, 20 de febreiro de 2020. Todo está listo para a celebración da IX Gala de Acisa Ribadeo, que terá lugar mañá, venres, ás 21:30 horas no hotel Voar. Dará comezo cun photocall polo que pasarán os premiados, as autoridades e os asistentes ao evento.
A continuación, xa no comedor, terán lugar os discursos que pronunciarán o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a deputada mariñana e responsable da Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas da Deputación de Lugo, Mayra García; o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez; e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte.
Despois procederase á entrega de premios do Concurso de Decoración de Nadal. Naná e La Solana foron os gañadores, que recibirán un trofeo e 100 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos premiará neste 2020, no trinta e un aniversario da súa constitución, á agrupación local da AECC de Ribadeo, polo seu mérito no asociacionismo e polo seu compromiso social. Acisa quere recoñecer así “o seu traballo solidario, o que a converte nun dos colectivos con maior relevancia da vila polas actividades que realizan, pola súa capacidade de convocatoria e pola recadación para unha causa tan importante como a súa. A AECC de Ribadeo é un referente en toda a provincia”. Acisa creou neste 2020 este premio para recoñecer o traballo asociativo que se realiza en Ribadeo. A AECC será a primeira asociación en recibilo.
Na IX Gala de Acisa tamén se entregará un premio a título póstumo a Pablo Vizoso Iglesias, o que fora presidente do empresariado ribadense entre os anos 1992 e 1999. Acisa quere recoñecer a súa traxectoria como asociado e como presidente do colectivo pola grande labor realizada nos primeiros anos de creación da asociación.
Tras a entrega dos premios os asistentes compartirán experiencias, vivencias, recordos, proxectos… arredor do menú que se servirá: crema de cigalas, pescada ao pil-pil, xarrete de tenreira guisado e tarta de queixo. Estes pratos estarán regados por viños Mencía, Rioja e Albariño.
Á IX Gala de Acisa asistirán, entre outros, o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, e representantes da vida empresarial, política e social ribadense.