Os populares abordaron distintas fórmulas de colaboración entre as administracións e as entidades deportivas para o fomento do deporte recordando que a Xunta de Galicia patrocinou o pasado ano un partido de baloncesto pola igualdade cunha achega de 3.000 euros.
Tito Suárez destaca a actividade do club de baloncesto da vila que reúne nas súas filas a “un centenar de nenos e nenas das escolas deportivas nas que conta con equipos en tódalas categorías; ademais dun equipo júnior de baloncesto feminino e outro equipo sénior integrado polas nais dos rapaces que forman parte do club”. De feito, foi este equipo o que disputou o ano pasado un encontro co CB Mieres co obxectivo de reivindicar a igualdade tamén dende o ámbito deportivo.
Os populares defenderon “a contribución do CB Ría de Ribadeo no fomento do deporte” e o seu “compromiso co deporte feminino e o deporte de base”, valores que defenden tamén dende o PP de Ribadeo.