Site icon Crónica3.com A Mariña

Por Nuestro Faro pregunta quen vai abrir a Illa Pancha

Ribadeo, 26 de febreiro, 2020. Fai unhas semanas recibimos contestación da Fiscalía de Mondoñedo dicindo que a porta da illa Pancha debía estar aberta, e permitir o acceso do público en xeral. Antes de emprender calquera tipo de trámite, varios membros do grupo desprazáronse en diferentes ocasións ata a porta da illa para verificar o seu estado, comprobando que esta seguía pechada, como por outra beira todo o mundo sabe. É dicir, que non se está a cumprir o indicado pola Fiscalía de Mondoñedo nin o estipulado no documento da licenza de apertura do establecemento outorgada polo Concello onde se expresa como condición o acceso libre á illa de todos os cidadáns para que o establecemento hostaleiro teña a autorización de funcionar.
Ante o pouco interese e respecto que suscita o cumprimento do asinado aos responsables, transmitimos ao Sr. Alcalde de Ribadeo o documento que nos remitiu a Fiscalía para que poida lelo por si mesmo no caso de que a Fiscalía non llo remitira xa. Con este xa son varios os documentos que o alcalde ten na súa posesión e que certifican o dereito dos cidadáns a acceder a Illa Pancha, así como a súa obriga de respectar e facer respectar o estipulado nos informes técnicos e oficiais.
O silencio e deixar pasar o tempo é moeda corrente para o Concello en todo o concernente ao tema do faro e a illa. Por iso os procesos de apertura da cafetería son tan silenciosos como descoñecidos os seus trámites, prazos, etc. É certo que cando non se sabe nada, nada se pode preguntar. Pero en todo caso, o colectivo «Por nuestro faro» xa efectuou o pasado 23 de xaneiro a demanda no Concello para poder ver o expediente referente á cafetería, de cuxo proxecto non coñeceríamos a existencia se non fose pola prensa.
Por iso, no referente ao acceso á illa, esiximos ao alcalde que respecte e faga respectar o estipulado por el mesmo e pola Fiscalía, pois non se entende a súa inacción e silencio se o seu desexo non é favorecer a unha empresa privada antes que respectar o patrimonio público e o dereito do pobo de Ribadeo a acceder a este.
Para rematar, nos próximos días dirixirémonos de novo á Fiscalía de Mondoñedo para comunicarlle que a porta de Illa Pancha segue obstinadamente pechada, e para aportar novos elementos na nosa posesión.

Por nuestro faro

Exit mobile version