Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Burela subliñan a “importante aportación” de máis de 95.000 euros por parte da Xunta para as obras de humanización da rúa do Hórreo

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Burela, 26 de febreiro de 2020.- A viceportavoz do PP do Grupo Municipal burelés, Yovana Oroza, destaca “a importante aportación da Xunta de Galicia para a mellora da rúa do Hórreo” que alcanza o 80% do coste da obra ascende a uns 120.000 euros e, polo tanto, supón unha achega de máis de 95.000 euros.
A popular aclara que o Concello de Burela resultou beneficiario desta liña de subvencións convocada no 2019 pola consellería de Medio Ambiente destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos galegos menores de 50.000 habitantes.
Ante esta importante cantidade que o goberno que preside Feijóo achegou para a humanización desta rúa, Oroza pide ao goberno local que “non agoche o orzamento que achegou a administración autonómica para facela posible”.
É máis, a popular afirma que “na maioría das obras de envergadura que se levan a cabo no noso municipio é a Xunta a que aporta o maior investimento”.
O BNG pide cambios, pero mantén o seu apoio ao PSOE de Llano
Oroza sinala que “parece que case que o único que financia o Concello de Burela ao 100% é o soldo do alcalde e do resto de edís socialistas. Todo elo grazas á inestimable colaboración do BNG”, sentencia. “O BNG di agora que se o PSOE do sr. Llano quere o seu apoio, vai ter que cambiar moito; pero dende o PP de Burela non vemos claro cando o deixou de ter”.
A viceportavoz popular sinala que “o BNG validou a xestión feita por Llano no pasado, no presente e de cara ao futuro non só permitindo que fora investido novamente alcalde; senón tamén adxudicándolle outra vez o mesmo salario por prometer exactamente o mesmo que no mandato anterior. Se a isto lle sumamos que, dende que foi investido, non votaron en contra de ningunha das propostas feitas polo PSOE; ninguén pode crer xa que o BNG non fai outra cousa máis que apoiar aos socialistas”, conclúe Oroza.

Exit mobile version