Site icon Crónica3.com A Mariña

Os burelistas encamiñan as semifinais irmandiñas con 5-3 sobre o Parrulo FS

 Burela, 26 de febreiro, 2020. Os pupilos de Juanma Marrube completaron a festa irmandiña do Martes de Entroido dominando en todo momento no marcador e impoñéndose por 5-3 ao Parrulo FS na ida de semifinais da XXIX Copa Galicia, tras o triunfo laranxa feminino desta mañá 1-10 sobre o Viaxes Amarelle. A Malata acollerá o encontro de volta o 18 de marzo ás 20.00 horas.

Diego Núñez tentou sorprender moi cedo a M. Kaluza. O meta burelista e Álex Diz aliáronse máis tarde, no 7, fronte a Morioka, pero non había dúbida, as vibracións eran boas esta tarde en Vista Alegre e o Pescados Rubén Burela foi collendo folgos co paso dos minutos. No 8 Xande case chega ao cruzamento de Álex Diz e no 12 o xuvenil Renato Rodrigues dispuxo de dúas de ouro, primeiro nun disparo cruzado que salvou Illi coa cabeza e máis tarde de estratexia. Estaba aí. A Xoia Laranxa por excelencia, o 12 burelista, inaugurou o marcador de estratexia no 14 de falta directa ao bordo da área. Exactamente un minuto despois, Eto’o, estreándose en Vista Alegre, subiu o 2-0 nunha volea afastada a rexeite do meta ferrolán. Joselito evitou unha tentativa visitante envelenada aos 30 segundos e liderou acto seguido unha contra que Ili freou ante Eto’o. O Parrulo conseguiu reducir distancias no 18, cun disparo de Hoa, que pegou na defensa local. No entanto, o Pescados Rubén non quixo deixar marxe de erro e recuperou a vantaxe, con sinatura de Lucho a 1’29” para o asubío da primeira parte; o xogador do Corgo rematou un centro dende a liña de fondo. Kaluza, co pé, mantivo a renda local ao bordo do descanso ante o ex do Burela Iago Rodríguez.

Morioka, no 24, reduciu para os de Héctor Souto, dende saque de esquina. A tentativa cruzada de Kevin Chis ao bordo da área, no 25, foise por pouco e chegou a quenda para os de Juanma Marrube, no 26, con disparo de Xande desartellado polo pau, dende saque de banda. Foi Lucho o encargado de anotar o cuarto, culminando un contragolpe a pase de Luisma, a 30 segundos para o ecuador do segundo acto. Illi, no 35, freou a gran contra laranxa fronte a Renato, iniciada por Álex Diz e a pase de Luisma. No entanto, o meta ferrolán nada puido facer o dobre penalti do propio 12 de Burela, tras a segunda amarela a Saura. Restaban por diante 4’30” e O Parrulo tampouco deixou de pelexar; Marioka subiu o definitivo 5-3 no 38, con un potente disparo dende a frontal da área.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Lucho, Luisma, Renato, Pixote, cinco inicial; tamén xogaron Álex Diz, Joselito, Xande, Eto’o, Renato Rodrigues, Quelle

O Parrulo Ferrol FS: Illi, Iago Rodríguez, Saura, Miguel, Diego Núñez, cinco inicial; tamén xogaron Miguel Caeiro, Morioka, Kevin Chis, Hoa, Raúl, Takita

Goles: 1-0, minuto 14, Renato; 2-0, minuto 16, Eto’o; 2-1, minuto 18, Hoa; 3-1, minuto 19, Lucho; 3-2, minuto 24, Morioka; 4-2, minuto 30, Lucho; 5-2, minuto 36, Renato (d.p.); 4-2, minuto 38, Morioka

Árbitros: Pérez Muñiz // Rey Hermida. Por Ferrol amarela para Saura (minuto 9 e 36), Kevin Chis (minuto 29), Diego Núñez (minuto 31), Chemi (minuto 36)

Incidencias: Partido correspondente á ida de semifinais de XXIX Copa Galicia disputado en Vista Alegre ante aproximadamente 700 espectadores/as

Exit mobile version