Lugo, 22 de febreiro de 2020. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, denunciou a situación de abandono que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza está a manter coa programación cultural en Lugo. “Dende o BNG traballaremos a partir do 5 de abril en que a Xunta se volva implicar activamente na programación cultural da cidade”, indicou Olalla Rodil.
A parlamentaria do BNG destacou que “Lugo ten múltiples instalacións culturais, e a administración ten que asegurar unha programación continuada e de calidade para elas”. Para isto, Olalla Rodil precisou que “a Xunta debe tamén volver integrarse en Lugo Cultural, iniciativa que promove unha programación cultural estable durante todo o ano e que a día de hoxe está conformada por Concello, Deputación e USC”.
“Apoiar ao tecido cultural galego será tamén unha prioridade para o BNG a partir do 5 de abril” declarou Olalla Rodil, que engadiu “a Xunta de Galiza implicarase para que as instalacións culturais teñan contidos de calidade, continuados no tempo”. Olalla Rodil destacou que “debemos dar apoio á industria creativa galega e un camiño para lograr isto é favorecer que poidan mostrar as súas nas instalacións culturais do país”.