Site icon Crónica3.com A Mariña

O proxecto Apego de Ribadeo organiza novas sesións de matronatación para nen@s de 9 meses a 4 anos, que terán lugar os martes do mes de marzo

 Ribadeo, 29 de febreiro de 2020. O proxecto Apego de Ribadeo organiza novas sesións de matronatación que se celebrarán no mes de marzo. Os destinatarios son nenos e nenas entre 9 meses e 4 anos e o prazo para inscribirse remata o vindeiro luns, 2 de marzo.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “o proxecto Apego de Ribadeo, que xira arredor da transmisión do galego ás novas xeracións, inicia este martes, 3 de marzo, unhas sesións de actividades de matronatación, que xa o ano pasado gozaron de moita aceptación polas familias con crianzas entre 9 meses e 4 anos”.
A edil nacionalista sinalou que “agora mesmo a quenda das cinco e media está ocupada, máis aínda hai algunha praza nas outras quendas, a das catro, a das catro e media e a das cinco. As sesións van ter lugar os martes de marzo, é dicir os días 3, 10, 17 e 24. E van ser impartidas, como noutras ocasións, pola terapeuta Sandra Saavedra”.
Pilar Otero dixo que “para anotarse é preciso escribir ao enderezo de Cultura, cultura@ribadeo.org. E o prazo remata o próximo luns, 2 de marzo. Ese é o último día para facelo. As sesións van ser de media hora e os grupos serán conformados por un máximo de seis crianzas e seis persoas adultas. Nas sesións vanse incluír dinámicas lúdicas asociadas a cancións, secuencias de desprazamentos e flotación e sempre se van rematar cun conto na auga”.
A concelleira de Cultura anima aos interesados e interesadas a participar: “para coñecer máis sobre este programa se pode revisar a información publicada no facebook de Cultura ou ben chamar á oficina de Cultura, onde se explicará máis polo miúdo todo o que ten que ver con este programa. Animamos a todas as familias con crianzas a participar nas sesións de matronatación”.
O obxectivo mais importante da actividade céntrase en reforzar vínculos de amor e confianza entre a crianza-nai/pai facendo que compartan unha experiencia xuntos na auga; e ao mesmo tempo reforzar os vínculos co noso idioma, co galego como lingua vehicular e dinamizadora.

Exit mobile version