Ribadeo, a 4 de febreiro de 2020.- O PP de Ribadeo mantivo este luns unha reunión de traballo coa directiva do Ribadeo FS na que destacaron a achega de 3.900 euros por parte da Xunta de Galicia que fixo posible sufragar tanto o equipamento de quecemento coma o de xogo para todas as categorías das escolas deportivas de fútbol sala nesta temporada 2019/2020.
O coordinador de Deportes do PP ribadense, Tito Suárez, puxo en valor o traballo do Ribadeo FS a prol do deporte base tal e como ten demostrado ao longo de moitos anos “cos adestramentos que ofrece a diario aos rapaces e rapazas das categorías correspondentes entre a prebenxamín ata a cadete”.
Esta xuntanza enmárcase nas distintas reunións que dende a agrupación local do Partido Popular está a manter cos distintos colectivos deportivos ribadenses para tratar de coñecer de preto as súas necesidades e tratar de darlle unha resposta dende as institucións nas que teñen representación.
O popular sinala que, neste caso, “tras escoitar as súas peticións, o Grupo Municipal do PP fixo as xestións que tivo na súa man para tratar de conseguir a colaboración da administración autonómica que, dentro das súas competencias, respondeu con esta importante achega para o club”.
Suárez sinala que “dende o Partido Popular de Ribadeo seguimos apostando polo deporte”. De feito, “seguimos traballando no beneficio de tódalas entidades deportivas e, por suposto, na defensa do deporte base no municipio”.