Lugo, a 11 de febreiro de 2020. En toda a comarca da Mariña lucense e no conxunto da provincia causa profunda preocupación a proposta dada a coñecer polo Goberno central do Estatuto de Consumidores Electrointensivos, porque non recolle as medidas esenciais para garantir o futuro de Alcoa – San Cibrao, propostas pola Xunta de Galicia e polos representantes dos traballadores, entre elas a determinación dun prezo competitivo entre 35 e 40 €/MWh. No PP de Lugo consideran que co actual contido do Estatuto, o Goberno central vai na dirección correcta só se quere pechar a industria electrointensiva galega e concretamente Alcoa-San Cibrao. As propostas efectuadas desde Galicia, que non foron tidas en conta no proxecto de Estatuto, suporían a categorización dos consumidores hiperelectrointensivos, descontos nas peaxes de transporte, compensación do imposto de xeración ou o céntimo verde ao carbón. O PP defenderá na próxima sesión plenaria da Deputación unha moción para instar ao Goberno a introducir no texto do Estatuto de Consumidores Electrointensivos as propostas da Xunta e do comité de empresa para conseguir un marco estable e competitivo que sitúe a esta industria de Lugo en igualdade de condicións co resto de competidores da UE e garanta o futuro de Alcoa-San Cibrao.
Os populares din que é imprescindible asegurar un prezo estable e competitivo da enerxía eléctrica. Precísase unha rebaixa do custe ata os 35-40 €/MWh. O Goberno central, presidido por Pedro Sánchez, leva máis dun ano para aprobar un Estatuto de consumidores electrointensivos e a proposta que acaba de presentar non da solución real ao problema do prezo da enerxía eléctrica, que pode acabar por provocar o peche de Alcoa-San Cibrao. Comunidades como Cataluña e País Vasco saen máis favorecidas que Galicia. Pasamos de 119 posibles empresas beneficiarias a 600 no actual.
O grupo que ten por portavoz a Elena Candia considera unha falta de respecto institucional e unha deslealdade con Galicia que o Goberno central non convocase á Xunta á presentación da súa proposta de Estatuto. Destaca ademais que as medidas avanzadas polo Goberno son insuficientes; son as mesmas que se deron a coñecer á mesa de traballo na que a propia Alcoa xa lle advertiu de que eran insuficientes. Os populares esixen ao Goberno que deixe de xogar cos traballadores, porque está en xogo o futuro de miles de familias. Está en perigo o futuro da industria enerxética en Galicia.
O PP destaca que a apertura do prazo de presentación de alegacións fai urxente a adopción do acordo pola corporación provincial para que sexan tidas en conta as citadas propostas. Por este motivo, os populares propoñen ao pleno da corporación provincial a adopción de acordo para instar ao Goberno central a introducir no texto do Estatuto de Consumidores Electrointensivos as propostas da Xunta de Galicia e dos traballadores de Alcoa -San Cibrao para conseguir un marco estable e competitivo, que sitúe a esta industria de Lugo en igualdade de condicións co resto de competidores da U.E e garanta o futuro de Alcoa -San Cibrao.
Os populares esperan que os membros do bigoberno provincial, tanto socialistas como nacionalistas, apoien esta iniciativa e demostren o seu compromiso coa Mariña, a provincia e os traballadores de Alcoa-San Cibrao.