Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe a PSOE e BNG que presionen ao Goberno para que estime as alegacións da Xunta e dos traballadores ao estatuto electrointensivo, para garantir o futuro de Alcoa

 Lugo, a 18 de febreiro de 2020. A continuidade de Alcoa-San Cibrao está en serio risco. É algo do que, a estas alturas, poucos dubidan, e máis despois de coñecer o contido do proxecto de estatuto para a industria electrointensiva. Con oito mil familias que, dun xeito ou doutro, dependen de Alcoa-San Cibrao é preciso, segundo considera o Partido Popular de Lugo, que todas as forzas políticas se posicionen con claridade: ou en apoio da industria e dos seus traballadores ou co Goberno de Pedro Sánchez. É hora de que os socialistas e os nacionalistas, os seus concelleiros, alcaldes e deputados, se manifesten con claridade e, se están por asegurar o futuro de Alcoa-San Cibrao, presionen ao Goberno para, entre outros obxectivos, conseguir un estatuto como precisan as industrias electrointensivas, aceptando as alegacións da Xunta e dos traballadores.

Os populares lucenses destacan que o proxecto de estatuto, tan longamente agardado, constituíu unha frustración en canto se coñeceu o seu contido. Na súa actual redacción non resolve o principal problema que é o do custe da enerxía eléctrica e a falta dun marco estable para manter os prezos en niveis asumibles pola industria. Mantén o prezo do megavatio moi por riba dos 40 euros que demandan os sectores afectados. A única ventá de esperanza que queda é que o Goberno acepte as alegacións que presentarán a Xunta e os sindicatos.

O PP di que agora todos os partidos políticos teñen que presionar sobre o Goberno presidido por Pedro Sánchez na mesma liña que o vén facendo el. Por iso, instan ás outras organizacións políticas, sinaladamente ao PSOE e ao BNG, a elixir entre o apoio ao Goberno ou o apoio aos intereses da Mariña e de Lugo. A este respecto, o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, declarou recentemente: «Se realmente representan aos veciños, os cargos do PSOE e do BNG na Mariña deberían presionar e non aparecer só na foto dicindo que están preocupados».

En reiteradas ocasións o PP expuxo a inaprazable necesidade de establecer un marco estable que manteña o prezo da enerxía en niveis asumibles. É unha reivindicación apoiada, como quedou claro nas sucesivas e multitudinarias concentracións efectuadas ao longo dos últimos meses, polos veciños da Mariña, que, con razón, temen as consecuencias do que suporía para a comarca, en particular, e para a provincia de Lugo, en xeral, o peche de Alcoa-San Cibrao. Destacan que este non é un problema de cores políticas, senón de decisión de manter industrias fundamentais para a provincia.

Exit mobile version