Lugo, 26 de febreiro de 2020. O Goberno da Deputación de Lugo apoia as alegacións que esta mañá presentou o Comité de Empresa de Alcoa ao Estatuto Electrointensivo no Rexistro da Deputación Provincial. Así o manifestou o Presidente, José Tomé Roca, logo de reunirse con membros do Comité esta mañá no Pazo de San Marcos. “Nos apoiamos as súas reivindicacións, queremos que siga aberta a planta de Alcoa en San Cibrao e que continúen os postos de traballo. Estamos facendo todas as xestións que son posibles co Goberno Central para que o Estatuto se modifique”, subliñou.
Tomé Roca lembrou que “unha vez remate este prazo de alegacións ábrese un período de negociacións onde existe a posibilidade de modificar o Estatuto, eu agardo que se chegue a unha solución para que Alcoa sexa viable e que siga funcionando como ata agora na Mariña lucense”.
Así mesmo, José Tomé compartiu a opinión do Presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, con respecto a esta cuestión e reafirmou que agora “toca unha negociación discreta, onde hai que sentarse cos traballadores, coa empresa e coas Comunidades Autónomas para chegar a un acordo dentro das posibilidades que hai na Unión Europea”.